Volve o detective Dopico
Sei que os moitos seguidores de Diego Ameixeiras agradecerán coñecer a noticia de que hoxe chegaron do prelo os primeiros exemplares d’ O cidadán do mes, a súa segunda novela. Horacio Dopico, o detective máis canalla da literatura galega, desta volta enleouse cun caso onde nin a dobre moral nin a corrupción son patrimonio exclusivo da clase política.
Estará nos andeis das librarías a vindeira semana.
Deséxolle toda a sorte do mundo á novela, ao novelista e á editorial, pero debo dicir que non me gusta a portada. Unha pregunta sen ánimo de controversia: Precisa Xerais a estas alturas o reclamo dun corpo feminino para vender máis libros?
Xa está o típico censor “politicamente correcto”.
Tes razón, ho: hai que desterrar todos os corpos e todos os desexos, hai que tapar a pel, hai que vestir todos a mesma roupa: mono escuro da cabeza aos pés, e pensar todos o mesmo.
Todos iguais no aburrimento, na represión puritana, na censura.
Que sería do Vaticano sen vós!
Creo que me limitei a expresar unha opinión e a facer unha pregunta. Todo o demais é interpretación persoal do usuario anónimo. Insisto: sorte a Diego Ameixeiras. Lerei a novela en canto poida.
Pois eu as contesto, aínda que non sexa nin o autor nin o editor do libro.
Aparece unha muller na portada porque: 1) forma parte das convencións do xénero e da súa representación gráfica, 2) porque un personaxe da novela é unha muller fermosa (outra convención: non ía ser un “cardo”).
Á súa pregunta contéstolle con outra tipo referendo-PP:
Considera vostede que se debe desterrar da visión pública todas as imaxes de mulleres fermosas e/ou espidas ou con pouca roupa?
Si? Benvido ao País dos Talibáns!
Estamos a montar demasiado balbordo en casa allea. Espero que o noso anfitrión, Brétemas, non se nos enfade.
O señor Anónimo, ademais de ter certos problemas coa colocación dos pronomes, segue a interpretar as miñas palabras conforme aos seus propios criterios. Evidentemente, non teño nada en contra da representación artística de mulleres espidas. Pregunto, simplemente, se Xerais emprega esta imaxe por axustarse como ningunha outra ao contido da novela ou se estamos perante unha técnica comercial -lexítima, por certo- na que se emprega o corpo espido, case sempre o feminino, para atraer a atención de potenciais compradores? Cando o señor Anónimo logre emerxer de toda esa enxurrada que guindou ao baleiro -o Vaticano, a censura, os Talibáns…-, poderá comprobar que, na miña primeira mensaxe, non solicito a prohibición do blog de Brétemas -un magnífico espazo de reflexión e liberdade- nin o secuestro do libro de Ameixeiras. Digo tan só que non me gusta a portada. Tampouco me gustan as películas de Álvaro Vitali, pero non serei eu quen lle impida ao señor Anónimo nin a ninguén gozar delas. Un saúdo.
A reseña da novela dí o seguinte:
“O punto de partida d’ O cidadán do mes é o electrizante encontro entre o detective Horacio Dopico e Sonia Bouzas, unha escultural e voluptuosa muller que busca o seu marido, un vixilante nocturno desaparecido misteriosamente. O caso non ofrece demasiadas complicacións e o detective acepta o traballo, mais Dopico non sabe que deberá moverse con moita precaución nunha complexa intriga onde a dobre moral e a corrupción non son patrimonio exclusivo da clase política. O seu instinto, varios litros de whisky, unha sorna punk cultivada a conciencia nos arrabaldes de Ourense e unha Smith & Wesson, acompañarán ao detective nunha historia na que conviven sexo, violencia, drogas e rock and roll, aínda que o realmente importante é que estamos en agosto e Horacio Dopico non tolera nada ben as altas temperaturas.”
Mulleres esculturales, sexo, violencia, drogas e rock and rollo. Penso que a portada venlle como anel ao dedo á novela. ¿Qué sería do xénero negro sin as mulleres esculturales?
Respectando o criterio de Veloso, como editor e coñecedor da novela e da serie da que forma parte a portada paréceme oportuna. Por suposto que non é pretensión nosa empregar o reclamo do corpo feminino para vender máis libros.
Nese caso non engado máis nada. Agradezo os comentarios e o respecto de Pedro e Brétemas. Un saúdo.
Gústame moito a novela negra, pero se vise nunha libraría a novela de Ameixeiras e non tivese outra información que a portada, xamais a compraría. A imaxe, fume vermello e rapaza en bragas cunha pistola ás costas paréceme cutre, tópica e vella de máis, puro Mickey Spillane. Se iso é todo o que a novela me vai ofrecer, agradézolle á editorial que mo deixe tan claro na portada, teño o tema moi lido e xa non me interesa. Pero se na novela hai algo máis, coido que esa imaxe é un erro.
pois tache mellor que o tipo que saía na primeira novela…
Cau, se gustas das novelas negras sabes que as mulleres despampanantes forman parte dos códigos do xénero, e mais na novela da que estamos a falar, que aínda non lin pero que polo que parece na reseña editorial as mulleres e o sexo teñen certo peso. O problema que subxace nesta leria é o uso do corpo feminino na publicidade; se fose un peludo torso masculino non habería polémica algunha e se acabaría o conto.
Pedro, eu tamén coñezo as convencións do xénero, pero quen di que os escritores de novela negra teñan que seguilas ao pé da letra? Un pouquiño de orixinalidade nunca está de máis. Na mesma recensión fálase da “sorna punk” de Dopico, o que para min ten máis atractivo que a femme fatale traizoeira que nos presenta a portada.
Unhas costas núas non escandalizan a ninguén, pero si é certo que neste caso semellan un reclamo, publicitan un tipo de historia que a min, persoalmente, non me interesa. Non me molesta a imaxe senón a idea trala imaxe, o tópico que contén, dáme igual que sexa unha rapaza ou un cachas en plan terminator testosterónico. O que me fai volver ao mesmo. Se a portada reflicte o que é a novela, perfecto, non dubido que ten o seu público. Se hai algo máis, esa portada é un erro. Se o clixé da portada provoca o rexeitamento dalgúns lectores potenciais do xénero, para min non é unha boa portada.
Vamos melhorando. No primeiro comentário julgou-se a uma editorial pola capa dum dos seus livros. Nos do final só se julga o livro, que longe de ser justo é já muito mais habitual :).
http://sgfm.elcorteingles.es/SGFM/06/75/1/06520306751/06520306751000g01011.jpg
Non sei se a Veloso tamén lle parecerá “sexista” esta portada dunha novela de James Ellroy publicada por Ediciones B….
Cau: a moita xente gústalle Mickey Spillane e os tópicos. E merecen tanto respeto coma quen le a Proust, non?
A ver se agora sae ben o link
http://sgfm.elcorteingles.es/SGFM/
06/75/1/06520306751/
06520306751000g01011.jpg
Xa, xa. Non escandaliza ver unha muller espida, pero o Sr. Cau adícalle varios comentarios a algo tan trivial.
No fondo destas “protestas” politicamente correctas o que subxaz é unha concepción neopuritana e neoreprimida do sexo.
Onde antes era escuro, suxo e tentador, agora hai que poñer a asepsia
dun hospital con bata branca. Nada de procacidades, de exhibición de desexos atávicos. Agora hai que tratar todo o proceso amoroso con sumo respecto e limpeza extrema, pedir consentimento verbal antes de tocar ou penetrar, ser iguais en todo momento, non exhibir ningún trazo de macho saído (ou de femia famenta), todo con moito coidadiño.
O resultado: onde antes había un confesionario que reprimía os instintos, agora hai a asepsia do hospital que inhibe o desexo e a satisfacción.
Os do Vaticano e os talibáns si que han estar ben contentos e satisfeitos.
Viva a Burka!
Para El niño de la guía: Eu falei da portada, dos tópicos que amosa, da súa idoneidade ou non como reclamo para posibles lectores do xénero. Non falei do texto porque evidentemente aínda non o lin.
Que eu saiba as editoriais non elixen ao chou as imaxes de portada. O deseñador baséase na historia –descoñezo se len todo o texto ou só a recensión que vai na contracapa- para facer o seu traballo, unha imaxe que singularice ese libro. Para min este non é un bo traballo de portada, por demasiado tópico e reduccionista, non só na selección dos elementos, senón no xeito torpe e falto de sutileza de presentalos. O texto da contracapa semella ofrecer bastante máis do que amosa a imaxe da portada. O problema é que con ese libro diante, sen máis referencia que a capa, eu nunca chegaría a darlle a volta a ese libro.
Para anónimo:
De onde saca vostede que coas miñas palabras estou a facer un xuízo de valor sobre os posibles lectores de Spillane ou de quen sexa? O único xuízo de valor que fago é sobre min mesma e os meus gustos literarios ou estéticos.
Repito. Eu lin a Mickey Spillane, a Chester Himes e demais. Como non vou entender que teñan o seu público se eu tamén os lin? E xa que os lin podo dicir con criterio –o meu- que ese tipo de historias xa non me atraen.
De calquera xeito chámame a atención a súa mención a Proust, coma se un lector non puidese ter no mesmo andel “Na procura” e “Eu, o xurado” Non sei vostede, pero eu son unha lectora omnívora.
En canto ao dos talibáns, a igrexa, o consentimento previo á penetración e demais, paso. Esa teima é toda súa. Quen berra “escándalo, escándalo!” é vostede. Semella que lle ten afección.
para min a capa é fea, sen maior análise semiótica. É unha capa horríbel, até.
Parece que a portada e pólémica. Non estaría de mais que Brétemas nos ilustrara, se o ten a ben, sobre o proceso de selección das portadas dos seus libros. Lembro agora a pólmica que se montou na elección da portada da segunda edición de La Literatura nazi en América, de Roberto Bolaño. Esta segunda edición saíu tras a morte do autor, e o editor (Seix Barral), meteu a Hitler na portada, para disgusto da viúva de Bolaño, porque según ela desvirtuaba a obra. O editor dixo que a elección era cousa súa, e que non lle tiña que pedir opinión a ninguén. ¿No caso de Xerais os autores opinan? ¿A Diego Ameixeira gústalle esta portada?
Concibimos a edición como unha conversa entre o autor e os editores. Este foi o proceso que se seguiu na elaboración de todos os elementos deste libro, portada incluída. Non nego que podía ser máis sutil, porén, e a pesar dos argumentos que se manexan no debate, creo que é acertada. Agardo que o contido da novela provoque tanto interese como a súa presentación. Dirano os lectores e lectoras.