Vari Caramés: escenarios
Na beirarrúa de enfronte da exposición de Manuel Sendón pode visitarse “Escenarios“, a mostra de fotografías sobre lenzo de Vari Caramés. Unha coincidencia marabillosa que permite facer un percorrido pola obra recente de dúas das figuras da nosa fotografía contemporánea. Vinte pezas de grande formato nas que o fotógrafo ferrolán consegue –como sinala Alejandor Castellote– desenfocar a realidade a través do lente da súa cámara para trasladar ao espectador ao territorio da introspección, a memoria e a melancolía. Vari desenfoca o real para enfocar a instrospección; prescinde da anécdota para provocar no visitante evocación de escenarios cotiáns (a estación do ferrocarril, a praia, o terreo de fútbol, a chuvia na noite, a lonxa, o incendio forestal ou a noria da festa…). A luz debuxando as cores da realidade evocada. Fotografía pictórica. Magnífica e recomendable exposición. Beizóns, Vari!
Etiquetas: Vari_Caramés
Graciñas tanto pola boa crítica coma pola convidación a visitala. Falo en nome de Vari porque non se leva demasiado ben coa informática, je, je.
biquiños
anxela