Unha retirada a tempo
Superado o rubicón que supuxo a folga e a manifestación do 21 (un éxito rotundo), bo sería que, máis alá do apoio telúrico da «maioría silenciosa», invocado polos promotores das «Bases do decreto de plurilingüismo», valorásemos devagariño e coa maior racionalidade os apoios as críticas e as suxestións recibidas polo documento do Goberno Galego. No entanto, tras o malestar que xerou na Xunta o documento da RAG, como despois das importantes decepcións que supuxo o rexeitamento do documento por parte de colectivos, previsiblemente afíns, como o sindicato ANPE ou a patronal de centros concertados relixiosos católicos FEREGA, quizais Feijoo (neste conflito sabe que está só e pechado nun círculo) non debera teimar en percorrer durante máis tempo un camiño que só agranda a ferida da fractura social no país. Por moito que apupen algúns comentaristas, unha retirada do documento a tempo pode evitar males maiores. Velaí un camiño perfectamente posible para retomar o consenso dende a sede parlamentaria.
Dubídoo, co recurso do Goberno á Lei de Caixas, Blanco dixit, só lle quedará esta grande aposta e vai xogalo todo neste envite para a nosa desgraza, para a de todos os galegos.
Mais umha vez cuido que erramos de escala no referente aos apoios cos que conta Feijóo. Pode que a prática maioria do tecido social e cultural deste país esteja contra o decreto, e que cá fagamos muito ruído. Por desgraça Feijóo nom tem as orelhas postas na Galiza, mas em Madrid, onde até a “progresíia” vê com bons olhos o decreto lingüicida. E essa maioria silenciosa da que tanto gostam sim existe, e o que importa nom é que seja silenciosa, mas surda a todo o protesto e bombordo que podamos criar.