Unha oportunidade para Galicia
Os resultados do BNG nas Xerais son moi enganosos. Por unha banda amosan serias dificultades para consolidar o seu voto nas contornas urbanas e para recuperar o seu teito electoral, obtido nas Xerais 2000 (306.000 votos, un 18% do electorado), o que constitúe un feito, indubidablemente, insatisfactorio para as súas posibilidades de converterse nalgún día, como agardamos os nacionalistas, na forza hexemónica do país. Porén, pola outra, a súa probada capacidade de resistencia e a fidelidade do seu electorado (dende hai doce anos situado sempre por riba dos 200.000 votos, aproximadamente un 12% do electorado galego) permiten agora que o valor dos seus dous deputados poida convertela nunha das forzas decisivas para a gobernabilidade do estado, o que constitúe, unha magnífica oportunidade para a modernización de Galicia, ademais dunha posibilidade de reforzamento do seu autogoberno.
Manexar con realismo e humildade este resultado contraditorio é o reto que teñen por diante os responsables do BNG. Sería un erro que tratasen de agachar as carencias e dificultades de crecemento do BNG nas contornas urbanas (onde se produciron algúns resultados claramente adversos, como en Ferrol ou Pontevedra ); como tamén o sería presentar o carácter decisivo das súas actas (moi lonxe aínda do obxectivo razonable de contar con grupo parlamentario propio, como sempre tiveron as outras dúas forzas de Galeuscat) como un “triunfo sensacional” do nacionalismo galego. No entanto, a posibilidade de que estes dous votos do BNG poidan condicionar a formación e a estabilidade do goberno Zapatero ao longo da lexislatura, é unha oportunidade sen precedentes para Galicia que o BNG pode e debe capitalizar diante do seu electorado e do conxunto da cidadanía galega. Eis, é onde pode atopar o BNG o seu maior éxito nestas Xerais, transformando a súa febleza nunha magnífica fortaleza ao servizo do país.
Como ten manifestado Francisco Jorquera nunha recente entrevista na Crónica da Radio Galega, os condicionantes que proporá o BNG na negociación co equipo Zapatero han xirar arredor de catro cuestións de interese xeral para Galicia: os investimentos e as infraestruturas (consolidando os compromisos de investimento do 8% e os calendarios de finalización de AVE, Eixo Atlántico de Alta Velocidade, portos e aeroportos); o desenvolvemento do autogoberno (especialmente no que atinxe as transferencias de Seguridade Marítima e tráfico, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia); o respecto aos intereses económicos do país (con atención primeira as posibilidades de futuro de Astano e do desenvolvemento do sector leiteiro); e, por último, á modificación da “Lei Electoral” (sobre todo no que atinxe ao regulamento do voto en urna do residentes ausentes). Un programa absolutamente razonable, que contribuiría decisivamente á mellora da calidade de vida de todos os galegos. Xestionando con intelixencia esta magnífica oportunidade para Galicia o BNG pode atopar finalmente un éxito considerable nestas Xerais.
Que o BNG suba nas vilas de tamaño medio e nas aldeas ten unha explicación: Anxo Quintana optou por buscar o voto da terceira idade promovendo excursións e encontros gastronómicos, moi cerca do mellor estilo Fraga. Os resultados están aí: o BNG empeza a ter asentamento o rural, pero electoralmente e pan para hoxe e fame para mañá. Polo contrario, nas cidades o BNG descende porque deixou de ser aquela forza que ilusionaba á xente nova cun novo xeito de facer política. O asunto das tenencias do BNG é percibido dun xeito moi negativo pola poboación. Paradigmático é o caso de Ourense, onde o PP segue caendo na cidade e na provincia, pero onde o BNG sube no rural e baixa na cidade. Pouco queda daquel BNG moderno e ilusionante de Beiras e Nogueira -ninguén igualou nunca os seus resultados- e moito hai dun BNG que é percibido pola xente nova como un partido coas mesmas formas co PP ou o PSOE. Dicir que po bipartidismo afectou aos resultados do 9M do BNG é falso. E logo só afectou aos votantes das cidades?. O electorado que o BNG gañou nos 90nas cidades bota de menos a Beiras. Quintana non ten a súa categoría e vai camiño de converter ao BNG nunha forza estancada, como moito, nun 15% dos votos. É dicir, os convencidos. A endogamia. Non aquela Galiza seducida por Beiras durante o fraguismo e que nos fixo pensar que era posible unha maioría nacionalista e non unhas tenencias/consellerías para gusto de certo pensamento minifundista e con gran sentimentos de inferioridade.
Desculpen certa vehemencia nas miñas palabras, pero falo dende posturas nacionalistas.
Saúdos.
Anónimo, as ideas que expós, lonxe de se converter nun lugar común pola repetición das mesmas, está a significar un berro desesperado que, o día que o Psoe xa non lle sirva de trampolín para tocar poder ó Bloque, penso que tomará forma de discurso oficial. A situación inmellorable do Bng, na que pode ser tanto oposición (loita contra Reganosa de Beiras) como goberno (Vicepresidencia de Quintana) non lle está a permitir acadar (non digo xa superar) un teito electoral que comenza a ser percibido como un mito á altura de Breogán.
Tanto vale oír como lle chaman fascista ó Pp de Acebes como Quintana di que son moderados nin de esquerdas nin de dereitas. O voto co nariz tapado tamén foi ó Bng nestas eleccións, non só a Zp e ós Rajoys de Losantos.
Coincido máis ou menos coas vosas reflexións. O BNG de Quintana mudou considerablemente con respecto ó BNG de Beiras. O actual BNG preséntase coma un partido moderado que está medrando en representación nas zonas rurais e entre o pequeno empresariado, onde lle disputa o electorado ó PPdeG debido á “españolización” do seu discurso. Polo contrario o BNG de Beiras transmitía a idea dun partido moderno, áxil, nitidamente de esquerdas. Isto é o que ilusionaba á xuventude.
Na miña opinión, debería aproveitarse o capital humano de Beiras ben ostendando algunha consellería ou ben ocupando unha acta de deputado do BNG no Congreso dos Deputados. Fixádevos na subida de NABAI en Navarra, ¿alguén pensa que sen a presenza de Uxue Barkos no Congreso tería a formación política ese incremento espectacular?