Un "L" con moita miga
Unha estratexia, que entendo, moi meditada nas súas intencións políticas arredor tanto do modelo actual de política lingüística, dos contidos sobre a lingua no novo Estatuto de Autonomía e, mesmo, influír sobre o resultado das futuras eleccións municipais.
As raíces do conflito do “L”
A polémica sobre a utilización do “L” é un conflito xurídico, xa moi reseso, provocado pola rebeldía reiterada de Francisco Vázquez e os membros do seus equipos de goberno (dos que Méndez Romeu formou parte en varios mandatos) en negarse a utilizar o único topónimo oficial recoñecido e avalado polas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (1994), do Tribunal Supremo (2000) e do Tribunal Constitucional (2002). Hai vinte e tres anos que a Lei de Normalización Lingüística (aprobada unanimemente por todos os grupos parlamentarios galegos) estableceu sen ambigüidades que en Galicia os topónimos dos municipios, núcleos de poboación e vías de comunicación interurbanas terán como única forma a galega. Unha competencia que o Estatuto de Autonomía atribúe á Xunta de Galicia de forma exclusiva e que non modificou a Lei de Modernización do Goberno Local (mal chamada “Lei de Grandes Cidades”) xa que unha norma do seu rango non pode modificar a distribución competencial realizada pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, que atribúe ao Estado a determinación dos nomes oficiais das provincias (no noso caso, lembremos que “A Coruña” e “Ourense” son as denominacións vixentes) e aos concellos o de fixar os nomes das vías urbanas.
Mal que lles pese aos membros do grupo municipal socialista da Coruña o actual ordenamento xurídico non lles atribúe competencias abondo para modificar o tópónimo da súa cidade, mais si, e se así o quixeren, para mudar os nomes de reseso avoengo franquista que aínda afean Marineda. Avenida del Alférez Provisional, Viaducto del Generalísimo, Avenida del General Sanjurjo (que no seu día reemprazou a do pedagogo Francisco Ferrer i Guardia), Plaza de Millán Astray (con estatua), General Mola (que desprazou ao nome tradicional de Perete), Juan Canalejo son algunhas das denominacións actuais que demostran que o franquismo non desapareceu do actual rueiro coruñés. Algo incomprensible nunha cidade de tradición liberal e republicana como A Coruña e que nos vinte e sete anos de corporacións democráticas nunca coñeceu un goberno municipal que se declarase como “conservador”.
O conflito do “L” e a política lingüística
Seguir cuestionando teimudamente o topónimo “A Coruña”, despois de ter perdida de forma reiterada a batalla xurídica, supón de facto rachar o consenso que os tres partidos parlamentarios acadaron no Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), o documento fundamental para volver poñer en valor a Lei de Normalización de 1983, texto normativo que establece a forma galega como a única da toponimia da comunidade e que recoñece a autoridade da RAG para cuestións léxicas e ortográficas relacionadas coa nosa lingua. Este disenso, defendido polo conselleiro da Presidencia explica porqué, despois de dezaseis meses, o PXNL non acabe de arrincar nin a nova Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) conte con todos os medios e coa enerxía política precisa para impulsalo.
As consecuencias para o bipartito
Semellante paralización do PXLN ten que provocar importantes tensións no seo do goberno bipartito. O vicepresidente e conselleiros nacionalistas deben aturar tanto a anemia normalizadora dos seus socios (que quedaron coa responsabilidade da SXPL) como as críticas constantes da MNL, feitos que indubidablemente os desgastan na súa credibilidade de compromiso coa lingua e agoiran que, se non lle poñen remedio decontado, esta lexislatura (mesmo coa súa presenza goberno) se estragou para remontar a maltreita política lingúística.
As consecuencias sobre o debate Estatutario
Esta anemia normalizadora non é a máis favorable para propiciar un debate sereno sobre os importantes cambios que debería introducir o novo Estatuto no referido á lingua: especialmente, o deber de coñecemento do galego por parte de todos os cidadáns, alén doutros referidos á toponimia e á redacción dunha carta de dereitos lingüísticos. Aspectos, na miña opinión, tan decisivos como o recoñecemento do carácter de Galicia como nación, para poder acadar un texto aceptable.
Un caneíño curto
Méndez Romeu reavivando a polémica sobre o “L” pretende realizar un caneíño en curto que seduza á bancada conservadora coruñesa (rota en dúas candidaturas e, segundo as enquisas, cunhas expectativas pésimas). Nesa bancada de “voto PP” é onde pode aspirar Losada atopar a maioría absoluta que evite ter que contar cun certo apoio do BNG de Tello.
Coda
Méndez Romeu guindou un intelixente globo sonda consciente de que a súa aparición no escenario desgastaría ao bipartito, especialmente ao BNG (algo que lle interesa), entorpecería o debate estatutario (do que tampouco é moi favorable) e paralizaría o anunciado relanzamento do PXNL. Unha carambola a tres bandas con mínimo custe político para el. Outro éxito para o grupo do PSOE coruñés. Que pensarán o presidente Touriño e o embaixador vaticano?
E logo din que as letras, neste caso o L, non teñen importancia. Nada máis nen nada menos que a vindeira alcaldía de Coruña. ¿Haberá outras cousas que ventilar nas eleccións, supoño, ou os/as coruñeses/as só responden por impulsos lingüísticos? Se é así, viva a gramática parda.
O PSOE coruñés de Paco Vázquez exerceu durante 23 anos unha política semellante á que podería desenvolver o PP, e non deixou nunca de chiscarlle o ollo aos votantes conservadores. O PP coruñés, e presentando a candidatos cada vez peores, non variou significativamente o número de votos.
Paréceme que ao PSOE víñalle mellor mirar un pouco cara a esquerda e o galeguismo, que é de onde pode arrancar máis votos. Dito isto, afirmo o meu convencemento total dunha victoria do PSOE por maioría absoluta nas eleccións do 2007. Tampouco creo que a caída do PP sexa tan contundente, e menos pola presenza da “alternativa Corcoba”.
Dacordo com tudo. Eu já não discutia sobre o tema linguístico-legal, que é evidente, senão sobre a intencionalidade política desse senhor e o dano que fez ao governo galeguista e de esquerdas que tentamos organizar … por muitos anos.
Eu non vexo tan doado que gañe o PSdG en A Coruña. Ademais, no caso de que non gañase o PSdG, que vai acontecer?. Vai gobernar o PSdG en minoría?, vai querer pactar o BNG con eles? e se o fan… con que condicións? Dame a min que o BNG esixiría as concellerías “boas”: Urbanismo, e como non Cultura, haha
Profético: hoxe mesmo sae a noticia de que o concello de A Coruña opta polo nome oficial por primeira vez desde hai anos. Toda a elucubración sobre o guiño de Méndez, vale?