Tras os Xerais
Dende o pasado domingo andamos enleados poñendo orde en toda a información xerada polo serán dos Xerais. A verdade que estou moi satisfeito pola repercusión do acontecido na illa tanto na prensa impresa como nos medios electrónicos; tanto nas anotacións dos blogs (todas tana agarimeiras con nós) como nos perfís de Facebook (a gran novidade desta edición), onde se están publicando moitas galerías de fotos e comentarios sobre o acontecido en San Simón. Ademais do arrollador discurso de Agustín, que afortunadamente comeza a viralizarse na rede (sobre todo no eido educativo), o éxito da comunicación do serán dos Xerais chámase Blogaliza. Goretoxo, Alfredo, Tati e Martin Pawley fixeron un traballo marabilloso. Retransmitiron moi satisfactoriamente a cerimonia (empregando uns medios ben modestos), editaron decontado as pezas das intervencións da cerimonia, entrevistaron a ben de xente. Non podo estar máis que agradecido con eles. Beizóns. Tras todo este rebumbio, que amainará nuns días, volveremos ao noso traballo sobre os textos. Temos o obxectivo de poder presentar as obras premiadas na primeira semana de outubro. Daquela volveremos sobre elas.
A foto é de Pilar Ponte, que publicou no seu blog unha galeríafotográfica preciosa.
É un pracer colaborar convosco. Os Premios Xerais, en particular, tal como os orzanizades son un modelo de vistosidade e mesura, unha fórmula que, á vista está cada ano, atinxe un alto grao de eficiencia na divulgación da creación e a edición literarias.
Vencellarse a unha vontade e a un saber facer como os vosos só pode ser beneficioso para que se aproxime ao voso traballo editorial.
Grazas pola referencia.
Parabéns polo acto, parabéns polas xentes reunidas e beizóns polos discursos.
É un pracer facer cousas convosco. Viva a rede e viva o blogomillo!