Tintas galegas
Xantamos en Gaifar con Carlos e don Álvaro Álvarez Blázquez. Repasamos o estado da catalogación da obra de Serigrafía Galega, a experiencia máis notable de popularización da arte contemporánea galega nos anos do tardofranquismo, e da necesidade de asegurar que no futuro a colección poida quedar a cargo dunha institución pública. Don Álvaro, pertence a xínea dos Álvarez, conserva aos seus oitenta e catro anos unha lúcida memoria do pensamento galeguista e republicano. Sempre é un privilexio participar na súa conversa, lúcida e informadísima sobre todo o que acontece.
Pola tarde, reviso con Carlos o estado dos proxectos que nos está preparando: pechamos esa Coruña por Ferrer da que tanto temos falado e acordamos a estrutura definitiva da Fotobiografía de María Casares (1922-1996), que pretendemos editar en setembro do vindeiro ano, con motivo do décimo aniversario do pasamento da actriz. A coruñesa, filla do presidente republicano, a actriz galega máis internacional do século XX, apenas é recordada en Galicia (só unha rúa en Torre); sen embargo, levan o seu nome rúas de Málaga, Almería, Badaxoz e Aviñón (Francia toda recoñeceuna como un patrimonio nacional indiscutible). No seu libro de memorias deixou escrito que lle “gustaría morrer amodiño en permanente estado de alerta” (unha desas citas famosas que impresionan). Non estaría de máis que, antes de rematar a edición desta fotobiografía, poder ler esa Residente privilegiada (debe ser difícil de atopar) e ver Orfeo, un dos seus filmes inesquecibles. A Casares é outro capítulo da nosa cultura do exilio que tan pouco coñecemos.
Esixo unha pequena corrección: existe polo menos outra rúa María Casares en Galiza, e a placa está exactamente na casa onde m’eu criei, Porto de Santa Cruz, Oleiros, A Coruña.
🙂
Moitas grazas. Tomo nota. Na documentación que manexei non figuraba. Síntoo. É un dato máis para profundizar nocoñecemento da María Casares. Reitero as desculpas.
🙂