Teresa Moure, pregón da Feira do Libro de Santiago
Teresa Moure leu o pasado primeiro de maio un pregón formidable na inauguración da Feira do Libro de Santiago. O novo conselleiro de Cultura, que por vez primeira participaba nun acto público, debeu tomar boa nota. O texto completo do discurso de Teresa Moure pode descargarse aquí. No entanto, recollo dous fragmentos sobre o papel do libreiro e o valor social da lectura que deben quedar ben gardadiños no blog:
- Se asumirmos o compromiso de nos internarmos nas librarías é para darlle sentido ao mundo da lectura. O libreiro, a libreira non é só esa persoa que se achega ao computador para consultar os catálogos das editoriais, ou quen solicitamente apunta un encargo; é un axente especializado en adiviñar se tal libro pode gustar ou non a tal cliente, pedíndolle opinións para avisar outras persoas con semellantes intereses, gustos ou ideoloxía. Os verdadeiros libreiros son aqueles que lembran que a última vez que os visitamos pedimos un título que non estaba dispoñíbel e que nos informan que hoxe si o teñen.
- A nosa sociedade funciona sobre o suposto falso de que todas as persoas debemos posuír un coche e non, por exemplo, unha biblioteca. Por que non educar para ver a lectura como algo máis que un tempo morto de lecer, como un investimento para a vida, como un consolo para aliviar a angustia da existencia, de xeito que a biblioteca propia se vise como unha das posesións menos materialistas e máis libres que sexa posíbel soñar?