Onte 287: As meigas de Lupa
O salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela quedou pequeno para acoller aos aistentes á presentación d’ As meigas de Lupa, a primeira novela xuvenil de María Solar. Magnífica foi a lectura que realizou Xurxo Ayán que comezou definindo a obra como «un libro de servizo público» para lembrar despois a importancia de contar con relatos en galego sobre feitos protohistóricos galegos, algo que non existía hai 25 anos cando el era un lector novo. O arqueólogo salientou que o libro de María Solar «pon faciana ao noso pasado, xa que mesturando cultura e mito sabemos como se vivía aquí hai dous mil anos. A literatura e o relato histórico científico que realizamos os arqueólogos son o mesmo relato». Rematou Ayán reiterando «o carácter de servizo público deste relato de lectura sinxela e engaiolante, mais de construción narrativa complexa» e lembrando unha frase que Álvaro Cunqueiro pronunciou no seu discurso de entrada na RAG: «Temos futuro se seguimos crendo en tesouros, ananos e meigas». María Solar comezou o seu discurso confesando que «estaba condenada a escribir este libro, xa que foi educada entre mitos e lendas que lle contaba a súa nai. «Quixen transmitir esa riqueza tremenda da tradición». Referiuse logo a xénese da obra e o esforzo de documentación na reconstrución minuciosa da vida nos castros. Rematou referíndose a que non sabía se existiu ou non a Raíña Lupa, mais si que »estaba acreditado que daquela existiu unha muller de poder». Pechou a presentación Fran Pérez «Narf» que interpretou a «Nana de Ze Mambico». Fermoso serán de comezo de verán.