Listado de la etiqueta: xosé_manuel_martínez_oca

Onte 1830: Presentación da novela «Os tres de nunca» de Nacho Taibo

Os_tres_de_nunca-16-02-2017

Viaxamos onte á Coruña para participar na Libraría Lume na presentación d’ Os tres de nunca a novela monumental de Nacho Taibo. Foi o escritor Xosé Manuel Martínez Oca, compañeiro de xeración e amigo do autor, quen lembrou como o trato con Taibo lle abrira a posibilidade de ler novos auotres e lle modificara as ideas sobre a narrativa. Xaora, Oca centrouse na deriva política dun dos protagonistas d’ Os tres de nunca, Bocoi, unha evolución que considerou moi ben levada.

XG00262101Nacho Taibo comezou recordando que coñecera a Oca hai corenta anos, «coincidindo coa apertura da propia librería Lume». Logo explicou a orixe desta «novela tocho»: «había moitos anos que quería empezar este proxecto que empecei en febreiro de 2010, cando por diversas razóns non tiña acceso a editores; pensei en continuar a fórmula que utilizara en Homes de ningures, unha novela tamén relacionada con Castelao coma esta, con dous personaxes en contrapunto». «Desbotei o enfoque de narrativa condutista daqueloutra de hai corenta anos e ideei para esta tres personaxes, Paracón, MIlorde e Bocoi, que fosen acompañados por moitísimas outras persoas que saísen e entrasen nunha narración de estrutura fragmentaria cuxa trama estivese centrada na Segunda Guerra Mundial en Galicia». «A a estrutura foime iluminada por Crash, unha película de 2004, que ten moitos personaxes que se van entrelazando, uns cen, que se explican no apartado “Elenco” do remate da novela». «Tardei un ano en escribir a primeira versión».

Caracterizou despois Taibo os tres protagonistas: «Patacón é anarquista, ligón, agarrado, combatente a prol da república, mais a hora da verdade é un cobarde, non é un heroe». «Milorde é un fidalgo, sabe idiomas, detesta o fascismo, renega da sua clase, inconstante, consumidor de morfina». «Bocoi está inspirado en Pedriño d’ Os dous de sempre, gordecho, oficinista, ten tres intereses na vida: comer, comer e comer, pasará de galeguista a franquista». «Os personaxes amigan na Coruña durante os anos da República e durante a Segunda Guerra Mundial se separan até convertese case en rrecoñecibles. O Patacón será un exiliado intentando incorporrase no exército alidado, O Milorde traballa en Londres no servizo secreto británico e O Bocoi é un policía franquista dirixindo un campo de concentración».

Taibo explicou que a novela está organizada en moitos capítulos breves, «algúns teñen sentido por si mesmos». «Hai máis de cen personaxes que entran e saen da novela, algúns non son mera coicidencia, son reais, recrean persoas que existiron. Entre eles un personaxe da miña predilección é Tristán Trebón, un oficial do exército español que virará a tolo ppolo respecto as súas vítimas. Tamén hai personaxes que poden ser identificables como algúns da película Casablanca ou cos cómics de Tintín, aos que quixen homenaxear«.

Abordou Nacho Taibo a aparición dos trasnos, a compoñente do marabilloso na novela: «Eu creo nos trasnos, vinos, confúndense contra o fondo». «Utilicei un procedemento de sacramentación, concedinlle a cada un dos tres de nunca unha característica do marabilloso: O Milorde pode aumentar ou diminuír de tamaño; O Patacón pode entender todos os idiomas, menos o alemán; e O Bocoi pode ler o pensamento de todas as persoas se as mira de fronte e son da Coruña. A introdución do marabilloso é unha razón de moito peso pola que Os tres de nunca non poderá ser chamada unha novela histórica».

Rematou Taibo referíndose ao carácter de novela coruñesa d ‘Os tres de nunca: «Podo confesarme como unha persoa desleigada, nacín en Madrid e vivín alí até os 27 anos, mais nunca me sentín de Madrid, viña á Coruña aos longuísimos veraneos, vivía na casa de Juana de Vega, na rúa Real, onde se pariu o Álbum da Caridade, aquí non tiña amigos, máis quería ser de aquí. Os tres de nunca é a miña novela coruñesa».