Onte 483: Baltar
Nunca me chistou Xosé Luís Baltar. Nunca me pareceu un ghicho do que un se podía fíar, nin sequera cando deu mostras do seu galeguismo e da lealtade coa lingua e cultura de noso. Só falei con el unha vez na miña vida. Foi en 2000, a raíz da edición do libro de homenaxe a Manuel Luís Acuña cando procurei o apoio da deputación de Ourense. Solicitei unha entrevista co presidente e adiantei nunha proposta o noso proxecto. Fíxome agardar ben de tempo, creo que preto de dúas horas nunha sala, despachoume en dous minutos dicindome: «Ti es o editor? Vouche comprar os libros, mais non vas facer negocio a miña conta». Aquilo non me fixo graza ningunha. Non. Dende entón comprendín que esas formas autoritarias de exercicio do seu cacicato eran a cerna da súa política e do seu caprichoso exercicio de coleccionista. A forma é o fondo. Como as súas dúas décadas de presidencia imperial da deputación foron un escándalo para a democracia. Unha situación da que son os primeiros responsables os dirixentes do PP (Fraga, Aznar, Rajoy e Feijoo) que a consentiron e da que sacaron proveito. Porén, o vello Baltar equivocouse cando artellou a súa megalómana herdanza, enfrontándose a Feijoo e á dirección de Génova. Conseguíu a cadeira para o fillo, mais quedou ferido politicamente para sempre. Só era cuestión de tempo. Máis tarde ou máis cedo caería de seu. Neste difícil transo pouco lle vai axudar o seu galeguismo e ourensanía que ambos os dous defenden como sinais identitarios do seu «caciquismo do bo». Quen no PPdeG vaise mollar a defendelo?