Onte 367: Ensinantes con xitanos
Os organizadores das XXXII Xornadas de Ensinantes con Xitanos convidáronme a pronunciar unhas palabras en lembranza de Xoán Vázquez, un dos promotores da asociación Chavós. O acto resultou moi interesante. Gustoume escoitar o relato que fixo Ana Veira –mestra de Ferrolterra e secretaria de Chavós até a súa desaparición en 2007– da experiencia de traballo educativo e social deste grupo durante vinte anos, desde o Colexio Público Chavorré Calé até a integración do seu alumnado nos centros ordinarios. Como agradecín que destacase a edición daqueles Materiais para unha práctica intercultural. O traballo da comunidade xitana, unha publicación multisoporte (unidade didáctica impresa, tres vídeos e un cedé interactivo e multilingüe), pioneira no seu tempo, que editamos en Xerais en 1999. Como foi tamén emocionante a intervención de Manolo Vila López, un mestre hoxe xubilado, referente na educación con xitanos no poboado do Carqueixo en Lugo. Vila insistíu na importancia da actitude militante en todo o traballo social e na necesidade de que sexan os xitanos os que asuman o protagonismo da súa historia e do futuro do seu pobo. Tras estas intervencións quedoume claro que, ademais de promover un enfoque global e intercultural do tema educativo xitano, cómpre continuar combatendo os prexuízos existentes sobre esta minoría e o periogoso virus do racismo, tantas veces latente na nosa sociedade. «Vivir o distinto para enriquecernos no común», o lema daquelas Xornadas de Ensinantes con Xitanos celebradas na Coruña en 1995 da man de Xoán Vázquez e o grupo Chavós, continúa sendo necesario.