Onte 1282: «Pride»
Pride forma parte desa bendita tradición do cine británico de comedias sociais, como Billy Elliot ou Full Monty, dirixidas a todos os públicos. O que se presenta coma unha reconstrución ficcional dun «caso real», o do apoio dun grupo de gays e lesbianas á folga mineira de 1984 de Gales e Yorkshire, grazas a unha moi notable interpretación coral e a unha memorable banda sonora, convértese nunha película digna e interesante. A pesar de que transcorridas tres décadas non cuestiona os alicerces daquela sociedade sometida a onda neoliberalizadora de Margaret Thacher, Pride acada momentos moi emocionantes nos que é capaz de contaxiar o valor da solidariedade. Situacións que Matthew Warchus, veterano director de musicais, manexa as mil marabillas cando utiliza tres grandes himnos do movemento obreiro para convencer ao espectador: «Solidariy for ever», interpretada por Pete Seeger ao comezo; «Bread and roses» no cénit emotivo do film, interpretada polo galesa Bronwen Lewis; e «There is power in a union», interpretada por Billy Bragg, xa no seu remate. Tres escenas memorables que abondan para recomendar unha película capaz tanto de facer rir como axudar a desfacer prexuízos homófobos.