Onte 537: A noite branca
Incorporeime onte en Ferrol a xeira de presentacións que dende o pasado mes de novembro Chisco Fernández Naval realiza d’ A noite branca, a súa novela máis recente e, probablemente, a máis importante da súa traxectoria. Unha obra de gran calado na que a recuperación da memoria familiar e colectiva (desta volta a dun grupo de galegos da División Azul) ten un peso decisivo. Unha novela de grande alento na que tamén volve sobre o Ourense literario, compartindo personaxes e paisaxes con O bosque das antas, pola que obtivera hai vinte e cinco anos o Premio Xerais de novela.
No inicio da súa intervención o xornalista Nicolás Vidal fixo un completo percorrido pola obra de Fernández Naval, “un dos escritores galegos máis versátiles, xa que tocou todos os xéneros, dende a novela xuvenil, a poesía, o ensaio, os libros de viaxes ou a novela”. Para Vidal “A noite branca” é o seu mellor libro. “Un esforzo espectacular, tanto pola arquitectura narrativa como polo resultado estilístico, para abordar un tema insólito para a literatura galega, o da División Azul, tamén estraño para a lietratura española”. Vidal sinalou o acerto de Naval de vincular a memoria familiar coa colectiva, utilizando catro voces que relatan o que vai pasando: as cartas do divisionario, Alfredo; o monólogo da protagonista, María Luísa, e nai de Alfredo; as voces corais e de moi diversas nacionalidades e procedencias que contan o que lles sucedeu na fronte aos divisionarios; e, por último, a de Marcos, que relata o proceso de investigación, “que lembra o novo xornalismo norteamericano, unindo hsitoria, investigación e un grande esforzo de documentación”. Para rematar Vidal salientou “a habilidade narrativa fascinante de Chisco”, así como “a absoluta dignidade dos personaxes que aparecen na novela”. “O tema d’ A noite branca, como o de toda a literatura de Fernández Naval, é o da memoria que hai que recuperar. Para le falar das cousas e coñecelas é a forma máis útil de saír adiante”.
O historiador Bernardo Máiz comezou as súas palabras lembrando que “a realidade ben contada supera a ficción. Esta novela é unha boa mostra de que a historia coral se constrúe dende as historias individuais”. Relatou despois os episodios principais da División Azul, desde a súa orixe no berro de Serrano Suñer “Rusia es culpable”, con especial atención ao que lle sucedeu ao primeiro grupo galego (o 14) formado por 1.200 homes que “chegaron a Rusia tras 53 días de viaxe, dos que trinta e un foron a pé para percorrer 100 km”. “Unha guerra que foi un gran desatino, na que participaron 45.000 españois cun 15% de baixas”.
Comezou o seu discurso Chisco Fernández Naval expresando esta súa convicción: “construímonos como seres humanos, como grupos familiares, desde o que nomeamos, mais tamén dende o que esquecemos”. Relatou despois a orixe da novela, “naceu dunha caixa de marmelo que apareceu no aseo pequeno da casa da tía Maruxa cando morreu. Dentro apareceron fotografías, postais e cartas…”. Confesou que cando asumiu o proxecto sabía que compría “facer un esforzo de lembrar máis alá do esquecemento, ir máis aló do olvido”, tarefa na que foi decisiva o esforzo de memoria da súa nai. Destacou a importancia das catro voces, mais sobre todo a de María Luísa, “a quen lle gustaba repasar a vida”, “un monólogo o seu que flúe coma o río Miño”. Referiuse, logo, á historia od pelotón galego, formado por soldados sen graduación, cuxa historia está relatada pola ollada de vinte e dúas persoas que os viron. “Quixen relatar a súa peripecia ao xeito dun caleidoscopio europeo en tempos convulsos, a cargo do que viron nenos de once anos, xudeus, guerrilleiros, rusos…” Finalizou Chisco expresando a súa vontade de que esta fose “unha novela para a paz, profundamente pacifista, que tende a man para todas as partes. Unha novela que ten ‘souffle’, que ten alento”.