Listado de la etiqueta: roberto_darín

Onte 311: Elefante blanco

Elefante blanco, a película de Pablo Trapero, interesoume máis do que agardaba. Quedei pasmado co formidable plano secuencia en movemento de arrinque, filmando unha panorámica da Ciudad Oculta dende os ollos dos protagonistas situados no «Elefante branco», ese enorme esquelete de formigón, o auténtico protagonista da película, do que puido ser o maior hospital de América Latina. Como sucede na primeira tempada de The Wire, Trapero utiliza as convencións da ficción para achegarse ao real. Así, os labirintos da cidade marxinal e a chuvia pertinaz son o espazo escollido para presentar a pobreza, a violencia das mafias da droga e da policía incapaces de agochar a dignidade e afouteza dos seus habitantes, familias humildes que, a pesar daquela miseria, queren construír na «villa» as súas vidas. Entusiasmoume a música de Michel Nyman, a interpretación de Roberto Darín, un actor que sostén a narración cando aparece, e a presenza na pantalla de centos de persoas que por momentos achegan a peza á fasquía dun documental. Interesáronme moito menos a inevitable historia de amor e os conflitos de ambos os dous cregos sobre a culpa, a proximidade da morte, o proceso de beatificación do crego Carlos Múgica ou o seu papel e o da fé nun entorno socialmente adverso. Nunha carteleira tan sosa coma a viguesa do verán, agradécese esta rara avis de cine con intención realista.