Listado de la etiqueta: riso

Onte 1546: «Teoría do riso» de Antón Patiño, presentación en Librouro

934066_10207831573534777_7876007362546277572_n

Pechamos onte o programa de actos e presentacións de 2015 coa de Teoría do riso de Antón Patiño. A pesar do infrecuente da data, en Librouro non cabía unha agulla nun acto no que o crítico e comisario Alberto González Alegre e o músico e escritor Julián Hernández debullaron os contidos dun libro que despois da publicación en 2006 de Océano e silencio supón a volta á poesía do pintor e ensaísta vigués.

1918652_1013820045344349_7316512680407717004_nAlberto González Alegre ancorou Teoría do riso tanto na liñaxe monfortina do autor e dos seus estudos das obras de Reimundo Patiño e Lois Pereiro como na viguesa «da que colleu a auga e o mar moi presentes no libro». Lembrou a publicación de Esquizoide en 1979, «un cómic sen palabras, que representa xa o binario, tan característo en Antón Patiño, o poeta e o pintor, que admira os símbolos poéticos de Saura e Uxio Novoneyra, grandes amigos seus». «En Teoría do riso están presentes os seus contidos pictóricos, mesmo a definición da súa pintura, estabelecendo un pacto polícromo, do boli sobre o papel e da pintura sobre o lenzo». Pola súa banda, Julián Hernández salientou que para Patiño o riso é un elemento subversivo, «unha manifestación demoledora dalgúns comportamentos humanos», así como a importancia para el da paisaxe «como marco e material poético, onde reside a orixe da abstracción».

XG00248801Pola súa banda Antón Patiño comezou salientando a importancia do «efecto Librouro» capaz de reunir a tanta xente nunha data coma esta.«Teoría do riso non é nin un manual de retranca nin de risoterapia. Ten un carácter político, como un cronotopo da revolta. Todo xira arredor do título, como un espazo do riso, para estar xuntos, como unha proposta libidinal, moi na liña do que se facía nos anos sesenta.» «O libro naceu dun grafiti ou de frases escoitadas, como a memorable dunhas rapazas na praia de Barra ás que lles oín dicir “os peixes non morren afogados”. Intentei capturar, apreixar material oral, buscando a camaradaxe da penumbra dos lectores e lectoras, mais consciente daqueloutro verso de Novoneyra, “Que as palabras non tapen o silencio”.» Rematou Patiño confesando que cría «na policromía cultural, na diversidade, na creba dos grandes relatos, nas minorías e no proxecto de revolta, nesa subversión dos sentidos imprescindible na arte e na literatura.»