Ramiro Fonte. Homenaxe dos amigos
Co gallo do terceiro aniversario do pasamento do escritor Ramiro Fonte, o domingo 9 de outubro celebrarase en Pontedeume, vila natal do poeta, un acto literario organizado polos seus amigos. O encontro pretende converterse nunha cita anual que contribúa a manter viva a obra e a memoria dun dos autores máis senlleiros das letras galegas do século XX.
«Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións. A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos os lectores. E como amigos del, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza», sinalan os organizadores do encontro. «Ao cabo, é algo no que Ramiro sempre se significou: el teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir a intereses espurios. O escritor, insistía adoito, escribe exclusivamente para os lectores, procurando neles futuros cómplices».
O acto celebrarase ás 12.30 da mañá na Praza das Angustias, fronte á casa na que o poeta viviu na súa infancia. Alí, Elsa Baluja, viúva do poeta, descubrirá unha placa na súa lembranza e amigos de Ramiro lerán algúns dos seus poemas.