Listado de la etiqueta: protocolo_de_donostia

Onte 1801: Garantir o porvir do galego

Soubemos onte que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos decidiu non admitir a demanda que a Academia Galega presentou en contra do decreto de plurilingüismo. Unha decisión non recorrible, motivada por unha cuestión formal, que non entrou a valorar o contido da demanda, que esgota a vía xurídica contra o decreto Feijoo, iniciada sendo presidente da RAG Méndez Ferrín e continuada por Alonso Montero. Unha derrota xurídica que agoiro levará á Xunta de Galicia a abandonar o discurso da dobre competencia, que dende hai tres décadas alicerzou os diversos modelos de utilización do galego como lingua vehicular, consolidados con amplo consenso social e político no Plan Xeral de Normalización Lingüistica de 2004.

Este é un momento de gran decepción e desacougo para todas aquelas persoas que acreditamos neste discurso inclusivo, acuñado a partir daquel primeiro Modelo de Normalización Lingüística para o en ensino de Nova Escola Galega, manuscrito en boa medida polo mestre Agustín Fernández Paz. Un modelo cuxo obxectivo é que todos os estudantes ao remate da súa escolarización obrigatoria sexan competentes nas dúas linguas oficiais. Nin máis nin menos. Un obxectivo inalcanzable co decreto de Feijoo que fixo retroceder o uso do galego en todas as etapas educativas, con particular violencia na educación infantil, esencial no inicio dos procesos de lectoescritura e de conformación de actitudes e prexuízos sobre o uso das linguas. Un decreto de Feijoo que tras só seis cursos situou ao galego en vías de extinción como desgraciadamente comprobamos cada día nos centros educativos, con escasas excepcións xeográficas, e como sinalan os diversos informes dos expertos.

É doloroso constatar que para os galegos e galegas nacidos no século XXI o noso idioma resúltalles alleo na súa instalación vital e escolar (mesmo para os picariños e picariñas que contan cun entorno familiar galegofalante), sendo no mellor dos casos unha peza museificada nunha gran literatura e ritualizada como lingua popular pola Televisión de Galicia. Un alleamento colectivo díficil de reverter que os gobernos de Feijoo asumiron con grandilocuencia como «paz lingüística» e «liberdade de elección», conformes con este devalar imparable do noso primeiro patrimonio.

As galeguistas, as persoas que non nos conformamos con este estado de cousas para o noso idioma, debemos volver a recuperar a iniciativa, como aqueloutra que lideramos nas décadas de 1980 e 1990, cando acuñamos o modelo da dobre competencia no ensino ou promovemos as primeiras políticas de planificación lingüística que deron pé as actuais ordenanzas municipais e servizos de normalización lingüística. Cómpre reiniciar, sen demora, un novo proceso de recuperación idiomática capaz de forxar (como en 2004) un novo consenso nacional garante do porvir do galego. Iniciativas recentes como o Protocolo do Donostia, presentado como o Protocolo para a garantía dos dereitos lingüisticos do galego, contribúen a creación deste novo discurso galeguista. O porvir do idioma precisa de azos renovados e doses elevadas de entusiasmo.