Onte 1266: Xurxo Souto premiado
O premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia outorgado a Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto como mellor libro do ano aledounos moito. Sabemos que recoñece tanto a calidade literaria dos relatos como a súa magnífica recepción pola crítica e polo lectorado (estamos preparando a 4ª edición, cando aínda non pasou un ano da súa aparición). Xaora, é xusto recoñecer o esforzo extraordinario de Xurxo Souto por dalo a coñecer e contar coa voz dos seus protagonistas. Máis de dúas ducias de actos de presentación por todo o país, celebradas tanto en portos coma vilas do interior, a maior parte deles organizados por librarías, e convertidas por Souto en espectáculo literario e cívico, capaz de contaxiar entusiasmo e fachenda, axudaron moito a singularizar e socializar este libro coral protagonizado polas traballadoreas e traballadores do mar de noso. Parabéns moi merecidos a Xurxo Souto que sabemos continúa en rota.