Onte 1422: Bento da Cruz
Finou onte no Porto o escritor Bento da Cruz, a quen tivemos a fortuna de coñecer cando publicamos en Xerais O lobo guerrilleiro (1996) e A Loba (2000), premio de novela Eixo Atlántico. É inevitable lembrar as súas visitas a Vigo, sobre todo aquela presentación memorable na Casa Galega da Cultura coa participación de Ferrín e Moncha Fuentes, a tradutora das súas novelas ao galego. Como é inevitable emparentalo con escritores de noso, como Ferrín e Luís García Mañá, cos que compartiu o espazo literario arraiano. Considerado «o príncipe do planalto barrosão», autor de vinte e cinco libros publicados ao longo de cincuenta anos, o doutor de Peirezes sempre reivindicou o berce da súa terra do Barroso, Planalto e Gostofrío. Ademais, foi unha das persoas que máis fixo por recuperar a memoria do movemento guerrilleiro galego na Raia, tanto nos seus romances e contos coma súa obra serodia de investigación Guerrilheiros Antifranquistas en Tras-os Montes, na que recolleu algúns dos episodios claves da represión. Beizón ao Bento da Cruz por ter traballado pola arela dese espazo común da cultura arraiana.