Onte 1092: Arnoia
Un grupo de quince editores galegos visitamos onte as instalacións de Arnoia. Tras vinte e sete anos de funcionamento as cifras da distribuidora de Ponte Caldelas, tanto polo número de referencias da súa base de datos (máis de catro centas mil, das que máis da metade contan con stock no almacén) como de editoriais (2.000) e clientes (6.000) aos que ofrece servizos, a converten na distribuidora de libros máis importante de todo o norte da península. O seu espírito fundacional de empresa educativa galega e súa súa vontade de servizo e de innovación constante levou a Arnoia a desenvolver un modelo de distribución editorial integral que no actual proceso de hibridación do sector supuxo nos dous últimos anos a dotación dunha plataforma de distribución de libros electrónicos (Arnoia ebooks) e a creación dun novidoso servizo de impresión baixo demanda (Arnoia IBD). Ademais Arnoia apostou pola libraría cultural implantando a franquicia de Librerías Espazo Lector Nobel ( vinte e oito librarías), así como o portal de venda en internet imosver. Pola súa facturación, polo seu número de empregos, como polo seu proceso de internacionalización, hoxe Distribucións Arnoia é unha das primeiras empresas culturais galegas. Merece o recoñecemento de todo o sector.