Onte 1090: Esperando
Andoni Ortuzar, presidente do Euskadi Buru Batzar, fixo onte unhas declaracións en Edimburgo,onde acudiu para seguir o referéndum de Escocia, que merecen non pasar desapercibidas: «Chegará un momento en que con Cataluña, con Euskadi, por moito que queiran, xa será tarde e difícil o acordo». «Nós apostamos por un acordo, primeiro en Euskadi, entre partidos diferentes e logo un acordo co estado español pero non podemos estar esperando eternamente.» O presidente do PNV anuncia así, de forma elegante, o que tras o fracaso do Plan Ibarretxe e a continuidade do proceso de paz, semella a reapertura da súa vía no proceso soberanista vasco. Sen dúbida que o modélico proceso que levou a celebración do referéndum escocés de hoxe, acordado co goberno británico, marca un precedente que será máis relevante na dinámica política española ca o propio resultado, tanto se gañan os independentistas coma os unionistas.