Listado de la etiqueta: placebo

Onte 1914: Dúas películas de François Ozon

Nos últimos días vimos as películas máis recentes de François Ozon, Frantz e L’ amant double. Dúas propostas que, aparentemente abordan temas e xéneros ben diferentes; a primeira, o da ausencia, a perda, o perdón e a expiación, no formato dun drama ambientado tras a Guerra do 14; a segunda, o da identidade, no que utiliza algunhas convencións do thriller. Mais tamén dous filmes onde identificamos as marcas propias ao narrador parisino: a obsesión pola ollada, a elegancia na composición formal e a absorbencia do relatado. Sendo o resultado moi distinto (a miña preferencia por Frantz é indiscutible), Ozon consegue en ambos os dous casos sorprender coa ollada feminina que guía o relatado. Abordando a historia dun mozo e dunha moza torturados por unha perda que saben non pode ser superada, Ozon ofrece en Frantz un impactante manifesto da tristeza, filmado en branco e negro sobre fondos de Chopin e Tchaikovski.

Rescatando o soño dunha muller e a súa relación con dous xemelgos (unha trama que nos recordou a Placebo, a novela máis recente de Jaurequizar), Ozon constrúe unha narración dende o interior da protagonista e narradora (a vaxina transformada en ollo, na primeira escena así o indica), que amplía os límites da presenza do sexo na pantalla e converte todo o filme en metáfora da liberdade sexual da muller. Xaora, non é doado facer verosímil unha trama baseada no xogo entre o real e o seu dobre, na dialéctica constante entre realidade e a súa ilusión, ou na confrontación das pulsións do desexo e da vida, da tenrura e da violencia, razón pola que Ozon utiliza para salvar a película do desastre os recursos do xénero de terror e a aparición dun personaxe chave (interpretado por Jacquelinne Bisset) capaz de explicalo todo. No entanto, como sucede en Frantz, Ozon consegue que a ollada da protagonista cautive ao espectador máis escéptico pola confusión onírica do relatado.

Onte 1770: Conversa sobre “Placebo” en Compostela

Placebo_26-10-2016

Resultou onte moi interesante a conversa que mantiveron na libraría Couceiro de Compostela Kiko Novoa e Jaureguizar arredor de Placebo. O xornalista do Galicia por diante comezou preguntando que había do autor na novela, ao que Jaureguizar respondeu que “cando escribes un libro sempre falas de cousas túas; en Placebo o que máis ten que ver comigo é a lozalización en Ribadeo, o sitio que mellor coñezo do mundo”. Despois de definir Placebo como “un libro sobre a identidade e o amor”, Kiko afirmou que lle interesara tamén por que abordaba “o que un pode pensar sobre o que outras persoas poden pensar de cada un”.A este teor, Jaureguizar confesou que se ten preguntado moitas veces “que sucedería se de repente con cincuenta e un anos volves a túa vida sen coñecela”. “A min este reecontro comigo mesmo produciríame terror. Sempre me pregunto qué pasaría se morres e revives dentro de vinte anos. A min daríame pánico”.

XG00258501Abordaron despois Novoa e Jaureguizar aspectos relacionados co proceso de escrita da novela. “Este libro ocorréseme en 2001. Empecei a escribilo con dúas historias, unha de dous xemelgos e outra con moita reflexión sobre a situación do país. Tivo unha redacción de máis de duascentas páxinas das miñas, que agora quedaron en pouco máis de oitenta. Dinme conta que eran dúas novelas distintas. Decidín cortar e quedarme coa primeira delas”. “Sempre escribo para o público. O problema deste libro é se os lectores entenden o xogo de personaxes, o paralelismo existente entre eles. Antes nos xornais, este traballo correspondía ao xefe de peche, que se ocupaba de que os textos se entendesen. Nas novelas non existe esta figura. Por iso me levou tanto tempo escribir este libro. Eu son o primeiro lector dos meus libros. Sei que a trama desta novela é complexa, engana, todo se complica, o que obriga ao lector a un exercicio, a un esforzo. Obriga a revivir e a recomezar”.

Explicou despois Jaureguizar a razón do título. “Quixen que fose dunha soa palabra. Dende Fridon spik, o meu primeiro libro, preocupeime de que os meus títulos fosen curtos, para que así puidesen saír nos títulares dos xornais. Placebo ten que ver co amor, concibido como algo que non sei que fución ten nas nosas vidas. Penso que ten que ver coa necesidade de non sentirnos sós, só consigo explicar o amor para non estar sós. O amor non ten que ver coa memoria. O amor funciona como placebo que nos engana para seguir vivindo. Eu sigo vivindo polo amor e polas cousas que todos os días me sorprenden”. Tras abordar a conversa o terreo da actualidade cultural e do traballo de Jaureguizar como coordinador do suplemento semanal Táboa Redonda, publicado por El Progreso e Diario de Pontevedra, o autor anunciou que esta traballando nunha nova novela que se titularía Clanghor.