Listado de la etiqueta: pepín_martínez

Onte 1515: «O último día de Terranova» en Lume

lume_terranova_26-11-2015

Iniciamos onte na Libraría Lume da Coruña a que será unha longa xira de varios meses de presentacións da novela de Manuel Rivas pola xeografía galega da libraría, onde o factor humano da presenza agarimosa e o consello do libreiro e da libreira confire un valor engadido ao encontro da lectora co libro e coa seu autor ou autora. Unha xira que continuará o sábado ao mediodía na Libraría Sisargas e coa que Rivas reivindica o valor da libraría como hábitat natural do libro literario, mais tamén como espazo público para o libro e para a lectura, como celme da convivencia cidadá.

XG00215001O último día de Terranova é unha homenaxe a libreiros desaparecidos, como o vello Antón Patiño de Librouro, o da memoria de ferro, ao que Rivas xa dedicara Os libros arden mal, e o coruñés Molist, de quen o autor conserva a lembranza da súa presenza como referente nos seus días de mocidade. Mais tamén é unha homenaxe a cinco das libreiras coruñesas de hoxe, a quen está dedicada a obra, Lola, Amparo, Marta, Silvia e Begoña. A novela constitúe unha homenaxe á libraría nun momento decisivo do proceso de hibridación da comunicación literaria e de banalización da cultura e da edición. Terranova é o nome da libraría da familia de Vizenzo Fontana e Garúa, a repartidora arxentina de libros, que fuxiu das gadoupas da triple A. Xaora, Terranova é un lugar inesquecible, un refuxio para náufragos da vida, un espazo de acollida de persoas e animais, un lugar protector, o mellor posible para alumbrar unha nova vida. Terranova e a libraría onde caben todas as librarías, como lugares de vida, espazos de liberdade, encontro e memoria.

Terranova é un espazo de memoria durante seis décadas, desque Antón, o vello mariñeiro, quixo darlle un futuro aos seus fillos, Comba e o tío Eliseo, e eles co profesor Amaro Fontana converteron a Cámara Estenopeica nun lugar onde vivir o exilio interior e gardar e distribuír os libros prohibidos que chegaron nos dobres fondos das maletas dos emigrantes. A libraría como espazo de contrabando de libros, como ponte permanente con Buenos Aires, a cidade onde se desenvolveron catálogos literarios extraordinarios como os da editorial Botella al mar de Arturo Cuadrado e Luís Seoane ou os da Fabril editora de Jacobo Munick, tanto pola calidade dos seus textos coma pola beleza dos seus libros. Libraría Terranova que mantiña conexión permanente con París onde o editor Pepín Martínez publicaba os libros de Ruedo Ibérico, fachos de liberdade.

O último día de Terranova recolle algúns fíos que Manuel Rivas deixou apenas ganduxados en 2006, cando publicou Os libros arden mal. Como aquela é unha expresión do malestar da cultura, localizada baixo o ritmo da lumieira do faro. Como aquela, é unha homenaxe ao mundo do libro, antes ás bibliotecas e edicións libertarias, agora ás librarías e editoras do exilio. Como aquela, ten estrutura de mosaico, aínda que probablemente menos complexa e moito máis breve. Ambas as dúas novelas xiran arredor do valor da cultura, do pensamento, da edición, da escritura e da lectura literaria como actividades que conforman os territorios da liberdade, os horizontes de esperanza.

O último día de Terranova comparte a xeografía interior, as palabras e a fragrancia da natureza d’ A boca da terra, o libro de poemas publicado o pasado verán. Un espazo e atmosfera comúns que facilitaron que Rivas ofreza nesta novela algunha das súas páxinas de prosa máis fermosa e puída de toda a súa obra. Unha novela na que conflúen vidas reais e imaxinarias, a cultura popular e a libresca, mais tamén xéneros, xa que abala entre a novela negra e os relatos de amores, mais sempre coa sutil presenza da ironía (para Rivas «ese humor que coñece a dor«) na voz de Vicenzo, o narrador en primeira persoa do vivido e do recordado. Unha historia na que conflúen os espazos do exilio e da oposición. Unha radiografía da sociedade actual do malestar, onde todo resiste ameazado polos carteis de «liquidación de existencias por peche inminente de negocio». En palabras de Rivas na presentación de onte «O último día deTerranova é unha viaxe entre a perda e o afecto, onde cada personaxe ten un sustituto co que dialoga, Amaro con Eliseo, Vicenzo con Dombodán…»

Hai dous días, Mercedes Corbillón, a libreira de Cronopios de Pontevedra e Santiago, publicaba no seu perfil de Facebook a primeira anotación que coñezo sobre O último día de Terranova. Cualificaba o libro de Rivas de marabilloso. Transcribo un anaco do seu texto: «Remateino nun bar, mentres Lola tomaba torta de chocolate e eu andaba en Certo Punto do Espírito con Eliseo, perdida nos silencios de Amaro e pechando os ollos para lembrar aquel día no que a liña do horizonte sobre o mar me fixo chorar». Mellor non se pode dicir.