Onte 1432: Battiato en Vigo
Participamos no serán de onte na cerimonia case relixiosa do concerto do noso admirado Franco Battiato. O siciliano presentouse no escenario de Beiramar de forma austera, cantando sentando durante pouco máis dunha hora un repertorio intimista, a maior parte en italiano, meditativo, case místico, no que abordou a súa preocupación espiritual presente nos seus traballos das últimas décadas. Arroupado por unha instrumentación sobria, apenas un cuarteto de cordas, piano e teclados, e apoiándose na música electrónica pregravada (voces incluídas), Battiato fixo unha viaxe polas súas músicas e a súa investigación sonora, mesturando temas clásicos memorables como «Prospettiva Nevski», «Nomadi», «La cura», «E ti vengo a cercare« ou «No Times No Space», con outros máis recentes como «Passacaglia», onde acadou a súa maior enerxía e brillantez vocal. Mais foi nos tres bises cando se abriu a festa rachada en Beiramar. Battiato xa de pé actualizou os seus éxitos pop de comezos dos oitenta dos álbums de Nomades e Patriots: «Voglio Vederti Danzare», «La stagione dell’amore»… A interpretación coral de «Cuccurrucucú», lembrando a Dylan e nun contexto inequivocamente xeracional, pechou unha noite emocionante. Saímos entre as saudades dos tempos felices, lembrando no entanto que «os horizontes perdidos non se recuperan xamais». Obrigado, Battiato!