O Celta, un equipo en busca de autor
Equipo do Celta que desputou a final de Copa en 1994.
Iván Riobó publica hoxe en Xornal de Galicia unha reportaxe sobre a actual crise do Celta, onde, xunto a doutros afeccionados celestes como Anxo Quintana e Modesto Riobó, aparecen algunhas das miñas opinións sobre a cuestión. Reproduzo os parágrafos onde aparecen as miñas palabras:
Os malos resultados das últimas xornadas situaron ao equipo olívico moi lonxe dos postos de ascenso e fixeron agromar a presión de non poder deixar escapar máis puntos de Balaídos se non quere pasar apuros para manter a categoría. Aínda que queda moito campionato -e no caso de encadear varias vitorias volvería o optimismo á parroquia viguesa-, o certo é que poucos confían nas posibilidades dun conxunto que está a atravesar unha auténtica crise de identidade.
Desta opinión é Manuel Bragado, un ilustre seguidor do Celta dende hai moitos anos. O director de Edicións Xerais de Galicia considera que a entidade esgotou un ciclo que vai ligado ao actual sistema de financiamento dos clubs de fútbol. «A crise do Celta é fundamentalmente unha crise societaria e do modelo de sociedades anónimas, agudizada porque o club tivo a mala sorte de pasar nunha temporada de xogar a Champions a baixar a Segunda», explica. Bragado cre que a esta situación se chegou «por unha pésima xestión directiva e por non confiar na figura de Fernando Vázquez, que foi o mellor adestrador que tivemos nos últimos anos despois de Víctor Fernández». O editor comenta que a partir de aí saíron á luz outros problemas como a débeda económica e iniciouse unha política deportiva “nefasta” da man de Ramón Martínez, «para min uns dos principais responsábeis da actual situación».
Bragado tampouco lle bota moitos piropos ao adestrador cordobés. «Con todo o respecto, penso que non está a altura», afirma, para a continuación lembrar que «o fútbol xógase no imaxinario colectivo do espectador e o problema é que aquí faltóuselle ao respecto á tradición futbolística dunha sociedade que viu nacer o fútbol hai máis de 100 anos». Augura unha «longa travesía do deserto» e aposta por unha renovación radical do club, consciente de que «é o propio celtismo o que está nunha crise de identidade».
Particular interese no seguimento desta crise celeste teñen as anotacións semanais do blog de Óscar Lorenzo na edición d´A Nosa Terra. Aposto, coma el, na necesidade de substituír no banco a Pepe Murcia. Con todo, sei que este cese non abondaría para solucionar unha crise que, como sinalo na reportaxe, creo que ten outras raíces (nese difícil terreo da reconversión de todo o fútbol profesional español, que comezou polos equipos de segunda).
Hoxe para o celtismo, sumido nunha crise de identidade, xa sen esperanza ningunha para esta tempada, o importante é non descender a 2ª B (o que é máis difícil do que parece, xa que temos cinco puntos menos dos que a mesma altura levabamos a pasada ), o que polo menos permitiría en setembro volver cun novo proxecto deportivo, necesariamente humilde (cinco ou seis mil seareiros na bancada non dá para máis), o que non impediría que fose ilusionante. Aí vexo á fronte ao arousán Luis César Sampedro. Un desexo.