Onte 31: En Muxía con Corcón
Viaxamos até Muxía para participar na presentación da novela de Rivadulla Corcón O noso amor será eterno. O salón de actos do Museo do Voluntariado, onde está instalada a impresionante exposición fotográfica permanente dos traballos del impeza do Prestige, foi un espazo ideal para desenvolver un acto onde se falou moito e ben de Muxía, de López Abente, do mar, de cultura mariñeira, de lendas, de literatura e do propio Corcón. Gostei moito da intervención de Vicky Rivadulla, un motor cultural de Muxia, que definíua ao seu irmán como «un militante da vida» que asume a arte como unha forma de estar no mundo procurando unha utopía, «esoutra cousa que é posible para Galicia e para a humanidade». Gustei, tamén e moito, da intervención do poeta Miro Villar, documenda, sólida, serena e moi suxestiva para incitar a lectura dunha novela na que se mesturan os planos do real e do marabilloso, onde a amizade é considerada o valor supremo. Pechou a quenda de intervencións un Corcón pletórico e feliz. Recoñeceu que «esta novela pretende ser un reflexo do que eu sinto é Muxía; este é o meu libro máis muxián». Homenaxeou de forma moi xenerosa aos seus amigos, aos que fixo personaxes da novela, prometendo «que no próximo libro que escriba estará urxentemente Alejandro», o mariñeiro que máis promoveu o seu alcuño de «Corcón», xa que «cando era pequeno eu era moi fraquiño, coma un corcón». Corcón lembrou que «a Costa da Morte é o que é grazas as súas mulleres e aos seus mariñeiros, máis tamén o é polos seus escritores, que sempre tivemos ao longo da historia». Con todo, o máis aplaudido dunha intervención moi celebrada polo público, moi numeroso (agotáronse os libros á venda). foi cando Corcón enfatizou sen aceno ningún de ironía: «Cando alguén te quere, hai que querelo. Non hai outro remedio». Ben sei que Corcón. a quen coñecimos como creador do programa «A canción do vagabundo», é unha auténtica marabilla! Onte foi un deses seráns nos que un agradece desempeñar este oficio de editor. Beizóns para Corcón!