Onte 595: O «Winnipeg» de Hixinio Puentes
Celebramos o 25 de abril na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña onde presentamos Winnipeg de Hixinio Puentes. Tras cinco grandes novelas e catro premios literario, Hixinio Puentes consolídase como un dos novelistas máis sólidos da narrativa galega deste século. Con Winnipeg volve sobre o espazo que lle é máis propio, o do seu berce natal da Galicia do Ortegal, onde tamén ambientou O bandido Casanova e Aguillóns de Ortegal, centrándose na vila de Cariño. Unha novela histórica que recrea feitos reais, protagonizados polos irmáns Manuel, Pepe e Vicente Pita Armada, desenvolvidos no tempo que transcorre entre o golpe de estado do 18 de xullo e o golpe de estado do 11 de setembro de 1973 que derrubou ao presidente Salvador Allende. A fuxida dos irmáns Pita de Cariño e o seu exilio en agosto de 1939 a bordo do Winnipeg, o vapor fretado polo poeta Pablo Neurda, constitúen o eixo narrativo dunha novela de lectura engaiolante.
Comezou a súa intervención o historiador Emilio Grandío dicindo que «A Galicia de Ortegal arrecende a mar, herba e monte. Alí hai moitos tesouros escondidos do noso pasado, do noso presente e do noso futuro, mais non os vemos». Cualificou Winnipeg como «un xogo literario moi documentado. Fala do Cariño dos anos trinta, daquela unha vila puxante que tiña unha cultura mariñeira e obreira moi moderna, xeradora dunha cultura vilega diferenciada que se activou durante a segunda Republica, modulando o seu antagonismo con Ortigueira, entón cabeza do concello». Referiuse despois Grandío os acontecementos presentes nunha «obra moi traballada na veracidade dos feitos», xa que pola novela desfilan «convocatorias de folgas, o cambio político despois das eleccións de 1933, o relevo de Casares Quiroga, até os feitos concretos de xullo de 1936». «Aqui tamén está o relato da fuxida do Arkale, un barco mítico na comarca de Ortegal, símbolo de esperanza». Rematou Grandío as súas palabras propoñendo unha reflexión sobre o proceso de construción da memoria e cualificando Winnipeg como «novela densa, rigorosa e documentada».
Comezou as súas palabras Hixinio Puentes falando do Winnipeg, «un buque fretado polo poeta Pablo Neruda coa intención de rescatar a un número indeterminado de republicanos españois, ademais de darlle un pulo á economía de Chile, o seu país. Naquel grupo había profesionais de todo tipo, entre eles vinte mozos de Malpica de Bergantiños e tres de Cariño, os irmáns Pita Armada». Referiuse, despois, a como chegou a historia da familia dos Pita, a partir da autobiografía que deixou un deles, Pepe, e ao seu convecemento que o episodio do Winnipeg er aun tema relevante. Recoñeceu o sue interese por Cariño e polo mundo da pesca, especialmente durante o período da segunda República «cando en case todos os portos galegos se crearon confrarías e pósitos de pescadores, os primeiros sindicatos e as eivindicacións polas melloras das súas condicións de traballo». Falou Puentes de como na novela «non hai pé para a fantasía. Winnipeg é unha novela tráxica, triste, chea de emotividade. Ten páxinas grises como o Guernika de Picasso, xa que non podemos pintar este período da nosa historia con outras cores». Rematou Hixinio enumerando os temas dunha «novela de guerra e memoria, con forte presenza do mundo do mar».
Tras as intervencións da mesa, durante a quenda de intervencións do público, cualificouse a novela como «unha das obras máis importantes publicadas por Xerais nos últimos anos, á altura de novelas claves como Resistencia».