Onte 1906: #NoTincPor
Ben sei que non é doado comprender as razóns dos atentados de Barcelona que nos provocan tanto horror e desacougo. Ben sei que a orixe de Daesh está nas guerras de Iraq, Afganistán e Siria, á que non son alleas os intereses da industria armamentístca occidental nin a estratexia hexemonista dos Estados Unidos, Reino Unido e Francia. Como sei que iso non abonda para explicar as razóns que levan a uns mozos, que forman parte da sociedade catalá, para atacar de forma desesperada as persoas que deambulan polas Ramblas e facelo en nome dunha crenza política ou relixiosa. U-la orixe do odio que os mobiliza? Como podemos promover a preminencia dos valores dunha cultura de paz? Como demostran outros atentados de semellante fasquía, como os de Bataclan ou Manchester, non hai outro camiño para combater o odio e garantir a nosa seguridade que non sexa o de exercer a liberdade, o de non retroceder, o de promover os valores da igualdade e do laicismo. Ese é o sentido de «No tinc por», asumido como a expresión da afouteza colectiva da sociedade catalá para expresar o seu rexeitamento do fanatismo e a súa confianza en superar esta traxedia. Como foi onte esperanzosa a resposta cidadá contundente e espontánea aos fascistas dispostos sempre a pescar no río revolto da islamofobia e do racismo. Por moito que nos doa #Barcelona debemos recoñecer que non somos o centro dun mundo onde o fanatismo terrorista e as guerras de alta e baixa intensidade baten de forma brutal todos os días. Sempre crin que asumir a nosa responsabilidade no desenvolvemento dunha cultura de paz e na loita pola igualdade (en todos os ámbitos e lugares do planeta) é a resposta que podemos ofrecer. #NoTincPor