Onte 1536: Ferreiro, afiador rebelde
Entristeceume o pasamento de Xosé Fernández Ferreiro, o novelista da Xeración Brais Pinto, un gran tipo, unha persoa xenerosa e elegante, con que amizei nestes últimos vinte e cinco anos como editor das súas obras. Fundador en Ourense no ano 1950, xunto con César Arias, do grupo literario Xente Nova e, máis tarde, en Madrid no ano 1957 do grupo Brais Pinto, loitou toda a súa vida por unha Galicia nova, aberta ao mundo, mais sen renunciar nunca nin ao seu pasado nin as súas raíces. Neto dun afiador de Nogueira de Ramuín, xornalista de libreta e lapis, empedernido cinéfilo, novelista vocacional, o autor de obras principais da narrativa galega de fin do século XX, como A saga dun afiador (1980) ou Agosto do 36 (1991), nunca perdeu a alma de afiador rebelde, transgresor, romántico e sentimental, adxectivos que utilizou para definir aos membros da súa xeración. Con todos os nosos abrazos.