Onte 1491: Xustiza climática
Non sei se Abel Caballero tivo algo que ver, mais onte soubemos que Vigo, xunto ás Palmas, Málaga, Palma de Mallorca e Huelva, é «unha das cinco cidades de España con mellor clima». Afeitos coma sempre estivemos a vivir nun «paraíso da choiva», quedamos abraiados cando limos o que sabiamos: «Vigo conta cun microclima, unha excepción en Galicia e case en España». Mais a cousa non queda aí, segundo Eltiempo.es «Vigo é unha das cidades con máis días limpos» e «conta cunhas temperaturas máis suaves ca noutras zonas de Galicia ao estar baixo a influencia dun réxime subtropical». Con semellante parte meteorolóxico as reservas hoteleiras viguesas vanse disparar, mesmo nestes meses máis «húmidos». Quen pode negar agora a cualificación da área metropolitana viguesa como o «Caribe galego», como tantas veces reclamamos. O de Eltiempo.es foi un exercicio de xustiza climática.