Onte 547: Cea Literaria en Sanxenxo
Despois da intensa xornada no Consello da Cultura Galega sobre «A cultura impresa na Rede», acompañei a Pedro Feijoo na Cea Literaria do Hotel Justo de Sanxenxo. Con este encontro do autor d’ Os fillos do mar cun medio de cento de lectores e lectoras, iniciábase en Sanxenxo o programa de «Noites literarias» nas que se pretende gozar da gastronomía, da lectura e doutras expresións creativas. Un traballo en man común entre un cociñeiro, un adegueiro e un libreiro que funcionou á perfección. A cociña de Casa Justo presentou algúns dos novos pratos da tempada de primavera (como as filloas recheas de grelos e o polbo á grella con alioli de pistacho, excelentes!!!), a Adega Eidos puxo o seu albariño (xenial!), mentres que a Libraría Nós promoveu durante tres semanas entre os seus lectores e lectoras a novela coa que debutou o autor vigués. Un modelo que se amosou moi exitoso xa que na sobremesa a conversa co autor alongouse máis dunha hora, con algunhas intervencións moi analíticas, detalladas, entusiastas e, sobre todo, emocionantes por parte tanto dos lectores e lectoras coma do propio Pedro Feijoo nunha noite moi brillante. Beizóns ao noso admirado Xaime Corral por crear esta actividade chamada a converterse nun modelo da acción proactiva da libraría coa comunidade de lectores á que serve.