Onte 924: Pecha Torga
Torga anuncia o peche da súa libraría da rúa da Paz e a súa continuidade na rede. Pérdese así un espazo fulcral para o libro (e disco) galego e portugués en Ourense, unha libraría de referencia en Galicia para os lanzamentos e presentacións literarias durante as dúas últimas décadas. Cónstame que Xavier Paz ensaiou nos dous últimos anos un modelo de libraría integrado con outros produtos culturais e de comercio xusto. Mais semella que a crise deflaccionaria arrasa con todo tipo de pequeno comercio, sen facer diferenzas cos establecementos culturais e cos seus modelos alternativos. A perda dunha libraría de libro impreso é unha catástrofe para a súa comunidade de lectores, a xente que acudía a coñecer as novidades en fonte limpa, aproveitando para facer alí a súa tertulia arredor dos libros e do agarimo da súa libreira. Mais tamén é unha desfeita para os editores que perdemos outro punto de venda, esoutro anaquiño de visibilidade e de posibilidade de socialización para as nosas obras. Onte choramos por Torga, coma fixemos no seu día por Cervantes en Vigo, Michelena de Pontevedra, Abraxas de Santiago, Colón, Nós ou Couceiro da Coruña, e tantas outras, librarías arrasadas nos últimos anos pola tormenta perfecta que bate sen piedade sobre o mundo do libro (e con especial violencia sobre o libro galego). Os mellores desexos para Torga no novo vieiro que abre; ben sabemos que azos e talento a Xavier Paz e ao seu equipo non lles han faltar.