Onte 819: A mellor novela de Ameixeiras
Despois de asistir ao inicio da presentación do proxecto de InfoLibre que fixo Jesús Maraña en Sargadelos (unha lección de xornalismo), participei en Couceiro na presentación de Matarte lentamente de Diego Ameixeiras. A xornalista Marta Rodríguez fixo unha magnífica intervención, na que repasou a traxectoria de Ameixeiras dende a publicación de Baixo mínimos, «unha novela encabezada por unha cita de Ilegales tiña quer interesante», cualificando a Diego como «un dos nosos grandes narradores». Comentou logo a estrutura e temas de Matarte lentamente, novela que definiu como «historia agre en branco e negro» e rematou salientando que era «a mellor novela de Ameixeiras até que publique a seguinte».
Pola súa banda, o autor relacionou a novela con Dime algo sucio e Historias de Oregón, aínda que desta volta estivese ambientada en Compostela, «como nesas dúas, inclúe moitas tramas cruzadas entre si, que requiren inicialmente un certo esforzo por parte do lector, até que van collendo relación». Relatou Ameixeiras como naceu a idea da novela. «Unha mañá de sábado, cando regresaba, vin na rúa Galeras unha manifestación de preferentistas camiño da casa do presidente Feijoo. Unha parella de vellos sentaron no meu portal. O home tentaba acougar a súa muller da súa carraxe. Pensei, entón, qué habería na cabeza desta xente estafada pola cobiza dos banqueiros. Iso deume para inventar a primeira das historias, a dos preferentistas. Logo viñeron as outras, relacionadas co narcotráfico ou cos problema da sanidade. Armei un mosaico de vidas e dramas ambientados en Santiago».
Ameixeiras recoñeceu que houbo cambios ao longo da escrita das oito novelas, «sobre todo a partir de 2009, cando publiquei Dime algo sucio, creo que dende entón hai unha procura da propia voz, do propio estilo, do camiño do escritor». «As dúas primeiras, as que protagoniza o detective Horacio Dopico, son novelas nas que a partir de escenarios coñecidos pola xente da miña xeración intentei crear unha sensación paródica. Dende Dime algo sucio hai un intento de mesturar claves do xénero negro criminal coas do realismo. Tratar de abordar temas de actualidade no xénero negro é algo que xa fixo Montalban para deitar unha ollada sobre a transición. Hoxe resulta imposible abstraerse da realidade que estamos vivindo, é o mellor argumento para o xénero negro criminal». «Intento ser o cronista deste tempo, mais sen ser panfletario. Será o lector quen teña que cubrir os ocos que quedan na propia historia, os matices e pequenos detalles tan importantes». «En Matarte lentamente optei por darlle moita importancia a personaxes femininos, aqui son protagónicos, o que non adoita acontecer no xénero». Rematou confesando que para poñerse a escribir ten que saber todo o que vai suceder na novela e dedicando unha lembranza ao seu pai, que morreu hai dous anos, coincidindo coa presentación de Asasinato no Consello Nacional.