«Inmunda escoria» e a memoria histórica antifranquista
Este serán presentaremos no Salón Nobre de Fonseca Inmunda escoria, a formidable obra de Ricardo Gurriarán sobre as mobilizacións estudantís na Universidade de Santiago durante o franquismo. Para o evento contamos coa participación de Vicente Álvarez Areces, o presidente do Principado de Asturias e destacado protagonista dos acontecementos do estoupido do 68 que pechan este estenso relato de máis de cincocentas páxinas e tres horas de gravacións no dvd que acompaña a cada exemplar. Confeso a miña fe neste libro que constitúe un auténtico océano para a nosa memoria antifranquista, unha arca de vidas e algúns segredos agora desvelados, o relato [realizado coa voz dun centenar de protagonistas] dun tempo no que se sementaron os valores da convivencia democrática actual (tan renqueante, mágoa!). Ademais de promover a recuperación da memoria republicana de Galicia, cómpre impulsar máis decididamente a construción do relato colectivo do franquismo e do antifranquismo, un tempo contraditorio e decisivo non só para os que nos imos facendo xa un pouco maiores, tamén para as xeracións mozas, ás que non lle podemos agachar que a democracia actual foi unha moi díficil conquista, chea de pasos adiante e atrás. O libro de Gurriarán é unha trabe primeira para termar dese proceso. Recoméndoo moi vivamente.