Onte 1471: «Ostrácia» de Teresa Moure
Foi unha honra acompañar onte a Teresa Moure no lanzamento da súa Ostrácia na libraría Andel de Vigo. Ostrácia é unha novela na que Moure, despois de dez anos da publicación de Herba moura, condensa moitas das súas preocupacións de expresión libre, rebelde, feminista e militante. Ao fío do relato da relación de Inessa Armand e Lenine, ofrécese unha reflexión sobre as relacións entre amor e política, para as que a autora reclama entrega total, absoluta, case sen condicións, xa que só así poden transformar a realidade. Tras a peripecia biográfica de Inessa Armand, militante bolxevique, nai de seis fillos, xornalista, promotora de círculos feministas, auténtica muller árbore de folla perenne que sofre o desterro, o exilio e a soidade agóchase a presenza da araña e o lobo ártico; dous animais que expresan a sumisión e a liberdade, o conflito nunca resolto entre Lenine e Armand, entre a erótica e a política.
Ostrácia paga moito a pena como novela histórica, que reconstrúe con rigor documental e alento narrativo o complexo proceso de debate político interno e intervención social que levou ao partido bolxevique ao poder en outubro de 1917. Ostrácia merece tamén o interese do lectorado como coidadísimo farrapo literario no que a voz da narradora se vai ganduxando con textualidades diversas (cartas, entrevistas, poemas, ensaios politicos), facilitando así unha lectura alternativa á diacrónica, ao xeito de rayuela cortazariana. Mais e sobre todo, Ostrácia é unha obra moi valiosa pola súa indagación sobre as marxes, os límites e os territorios da exclusión voluntaria. Ostrácia é unha reivindicación da natureza salvaxe da auténtica política, mais tamén dunha nova amoroloxía, novo concepto acuñado pola nosa autora. Ostrácia e, pois, un territorio fértil para a liberdade e a disidencia. Recomendo moi vivamente estoutra gran novela de Teresa Moure.