Onte 1240: Encontros en negro
Magnífico serán literario, coincidindo cos enterros da sardiña, o que onte organizou Pedro Iturburúa no IES Torrente Ballester de Pontevedra. Baixo a denominación «Encontros en negro», Dolores Redondo, Domingo Villar e Pedro Feijoo conversaron con Ramón Rozas sobre a súa concepcion do xénero negro e a súa forma de abordar a escrita. Confesaron Dolores e Pedro que non comezaban »a escribir a primeira liña até que non tiñan a historia enteira», mentres que para Domingo é preciso «o estímulo do descoñecido«, xa que para el «a literatura é unha tarefa de heroes derrotados, mais dispostos a dar a batalla o día seguinte».
Villar confesou que no proceso de escrita procuraba «buscar na lectura en alta voz unha sonoridade que me convenza; durante a escrita non quero soñar con outra cousa que me faga tremer por dentro, que me emocione, xa que se non está emocionado é moi difícil emocionar». «Para min, como para Paul Auster, as razóns da escrita son máis musicais ca literarias», afirmou o autor d’ A praia dos afogados. Pola súa banda, Redondo confesou que escoitaba o seu orixinal lido pola voz do programa do ordenador, «está voz dun robot, coma a dun GPS, permíteme comprobar o ritmo do texto e a a corrección da puntuación.».
Os tres autores contrastaron o valor das localizacións nas súas novelas. Mentres que para Feijoo a paisaxe é unha ferramenta para enganchar ao lector, para Redondo constitúe un espazo no corazón, mentres que para Villar a localización debe ser emocional e suxerente para o propio autor. Coinicidiron todos os tres na idea do carácter mestizo do xénero negro, que para Dolores é o que «mellor fusiona con outros» e para Domingo ten «carácter de novela social, un caixón de sastre onde entran moitas cousas», mentres que para Pedro «é un medio para entreter ao lector dende a primeira liña.»