Onte 1795: O Celta no corno da lúa
Grazas a un traballo defensivo moi sofrido, o Celta emendou onte en Atenas o fracaso de hai quince días en Balaídos fronte ao Standard. A cabezada á rede de Guidetti, tras un centro marabilloso de Hugo Mallo, equilibrou aos tres minutos as posibilidades de clasificación para os dezaseisavos da Europa League, feito o que tamén contribuíu a deportividade e fair play do Ajax en Liexa. Os de Berizzo amosaron na capital grega a súa faciana máis seria, nun partido moi difícil e pouco vistoso, resolto polo esforzo titánico no centro do campo, dominado primeiro polo incansable Radoja e logo por Tucu Hernández. Xaora, nin a táboa de marcas, aparentemente cómoda ao longo de todo o encontro, nin a primacía na posesión, impediron que os derradeiros minutos fosen agónicos, pendendo do fío dun posible segundo tanto do Standard. A pesar dos agoiros e da ausencia de Merlín Aspas, o Celta volveu facer historia coa súa humildade e afouteza. Con Berizzo seguimos pendurados do corno da lúa.