Onte 419: De samaíns e magostos
En boa parte das escolas galegas de infantil e primaria celebrouse onte a festa de Samaín, a exaltación cabaceira de bruxas e espíritos, que sinala a entrada simbólica no tempo de inverno. Mágoa que o invasivo reclamo comercial do Halloween confunda tanto a moitos dos nosos pequenos. Polo que vimos no serán de onte polas rúas viguesas, algúns asumen esta festa coma un xeito de entroido de dráculas, vampiriños e outras xentes que meten medo. Sen menoscabo ningún do interese educativo do Samaín, no que levo acreditado dende hai anos, corremos o perigo de que co seu apoxeo desnaturalizado en jaloüín perdamos a celebración do Magosto, a humilde festa comunal dos zonchos e das castañas, tan ensarillada na cultural tradicional de noso. Máis alá dos intereses comerciais do jaloüín e compañía, precisamos dun criterio educativo para orientar á nosa rapazada no que son os símbolos da nosa tradición e identidade colectiva, non vaia ser que perdamos polo camiño tanto magostos coma samaíns. Con todo, celebremos na noite de santos a defuntos a festa das cabazas. Agardo que contribúa a iluminarnos, tamén aos maiores, entre tanta confusión e incerteza.