Onte 1416: Galicia celta
No Pont Aven, o ferri bretón no que onte navegamos de Portsmouth a Santander, hai varias vitrinas dedicadas a pezas de Sargadelos e abondosa cartelaría das primeiras edicións do Festival de Lorient, a comezo dos anos setenta dedicado a Escocia, Irlanda e Bretaña. Pareceume unha excelente promoción de Sargadelos nun barco utilizado cada ano por milleiros de viaxeiros británicos. No bulir desta travesía entre fisterras atlánticas, onde ollamos arroaces e mesmo o rastro dalgunha balea, falamos da excelente oportunidade que para Galicia supón ser recoñecida como nación celta. Máis alá do debate histórico sobre esa posible orixe do país, no que non vou entrar, esta marca europea celta, identificada no mundo enteiro pola música de raíz, constitúe unha tarxeta de presentación á que Galicia non pode renunciar en ningunha das expresións da súa cultura. A celta é unha fortaleza da nosa cultura que debemos poñer en valor. Non teñamos medo a considerarnos un país celta, claro que non.