U-lo consenso? Galego 2025
Despois de dúas semanas da presentación do borrador do decreto, tras os posicionamentos dos sectores profesionais e sindicais, xa non cabe dúbida do estrepitoso fracaso da proposta de Feijóo, Vázquez e Lorenzo. A sobreactuación grotesca dos membros de Galicia Bilingüe (queixándose coa boa pequena da «traizón de Feijoo» aos seus electores) e a argumentación propia dun manual de campaña electoral dos intelectuais gubernamentais non abondan para xustificar racionalmente os tres piares do decreto: o plurilingüismo para vender con aires de modernidade o retroceso que se impón ao galego; o equilibrio horario dos tres terzos que, inevitablemente, achantará o galego no currículum e impedirá a consecución da dobre competencia ao remate de cada unha das etapas educativas obrigatorias; a participación das familias e do propio alumnado na elección da lingua vehicular dentro das aulas que despraza a responsabilidade das autoridades educativas sobre os centros e deixa no maior desamparo ao profesorado.
Outrosí sucede coas chamadas retóricas ao consenso, realizadas inicialmente por Anxo Lorenzo, que xa dende o primeiro día perderon toda a credibilidade ao excluír explicitamente a todos aqueles sectores que defendemos a legalidade actualmente vixente, considerados polos promotores do decreto e polos intelectuais gubernamentais como «extremistas». As argumentacións de Roberto Blanco Valdés e Xosé Carlos Caneiro (o escritor de Verín corre en termos políticos a velocidade pasmosa cara á dereita extrema) o pasado luns no programa de debate da TVG resultaron moi clarificadoras desta posición demagóxica que pretende ubicar aos defensores do retroceso do galego nunha posición equidistante (temperada, sensata, centrista, esa da «maioría silenciosa» da que falaba Arias Navarro e á que agora apela Lorenzo) entre os dous extremismos, o dos defensores de todo en castelán e de todo en galego. O plurilingüismo, esa nova relixión que acaba de raíz coas políticas de normalización lingüística da Autonomía, asociadas polos promotores do decreto coa «imposición del gallego» (esa mentira de destrución masiva pola que algún día renderán contas), preséntase como o único espazo posible de consenso de todos os sectores non extremistas. Con eses vimbios quere construír «un novo consenso lingüístico» o PPdeG? É crible que se poida chegar a un acordo sobre o futuro do galego que exclúa de forma explícita a todos os galeguistas?
Só será posible intentar refacer un consenso de todos os sectores e partidos (o único ao que se pode denominar como tal) se o Goberno retira o documento. Estou seguro que ese xesto de sensatez e galeguidade abondaría, para abrir decontado dende o Parlamento Galego, co acordo unánime dos tres grupos parlamentarios, unha mesa técnica que permitise recuperar os traballos de desenvolvemento no seu conxunto do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004. A creación dun espazo común de expertos, en sede parlamentaria, facilitaría aos nosos deputados construír ao longo desta lexislatura as bases sólidas para deseñar unha política de promoción do galego na perspectiva xeracional de máis dunha década (un proxecto que podería denominarse «Galego 2025»).
Velaí o dilema de Feijoo: tirar para diante en solitario co decreto de retroceso do galego ou compartir coas forzas políticas e sociais o esforzo de deseñar unha política de fomento do galego a longo prazo.