Onte 970: «Liña azul» de David Pobra
Presentamos onte no salón de plenos do concello de Ribeira Liña azul, a obra de David Pobra gañadora da IVª edición do «Premio de novela cidade centenaria». Creo que o de Ribeira é xa un certame de noveliña (entre os 80.000 e os 140.000 caracteres) consolidado grazas aos excelentes textos de Begoña Paz, Ignacio Silva, Goretti Fariña e David Pobra, todos os catro membros da xeración de narradoras e narradores do novo século. Onte asinamos tamén a continuidade da colaboración entre o concello de Ribeira e Xerais para a quinta edición, xa convocada, que se ditaminará na primavera de 2015 e editará na de 2016.
No que atinxe ao acto literario, David Pobra (nome literario de David Pérez González) confesou ao comezo da súa intervención que unha das ideas de Liña azul fora «animar a escribir, non só a ler, unha intencionalidade recollida nas páxinas da propia obra cando se di “senta o cu e ponte a escribir”». Confesou que o maior piropo que se lle pode facer á novela é considerala «un texto inspirador», como foi cualificada por unha das súas lectoras amigas antes de publicala. David relatou as orixes da obra remontándose a súa estancia en Barcelona hai oito anos, cando estudara alí Filoloxía Galega cunha bolsa Séneca. Lembrou as súas primeiras colaboracións con Vieiros Barcelona onde publicou os seus primeiros relatos e a súa experiencia como viaxeiro da liña azul do metro barcelonés. «Creei “Historias da liña azul”, unha sección semanal na que solicitaba aos lectores ideas para o inicio do próximo relato. Aí apareceu un detective. Publicáronse vinte e un relatos, tantos coma paradas da liña».
Intervín no acto como editor e membro do xurado para gabar esta metanovela. Unha noveliña sobre os límites e os compoñentes da novela que constitúe unha ficción sobre a xénese da ficción. Mais que tamén podería ser definida como unha obra de ficción radical sobre o proceso de escrita dunha obra narrativa na que se mesturan as fronteiras dos xéneros até confundirse. Narrativa ou ensaio? Novela negra, de intriga, de ideas, novela literaria, novela humorística? Insistín na importancia do diálogo inicial entre o autor e o seu personaxe, un detective sen nome, de quen saberemos moito máis tarde ten a súa orixe en Palmeira. Un investigador que non ten moi claro o obxecto do seu caso, mais si os límites do seu espazo, o percorrido pola liña azul do metro de Barcelona. Un diálogo entre entre autor e personaxe ampliado, logo, á participación dunha lectora que forma parte do Club de Lectores A Serpe, e despois, ás propias veces narrativas, a primeira e a terceira, que se van mesturando como os diversos rexistros normativos da lingua galega.
Rematei a miña intervención salientando que na miña opinión un dos grandes acertos de Liña azul é colocar aos personaxes na situación de abandonar a ficción e cobraren vida de seu. Esta é unha novela na que as persoas lectoras cobran corporeidade, pasando de ser espectadoras a personaxes ficcionais. Por último, interpretei o título de liña azul, seguindo o fío azul de Gustavo Martín Garzo, como unha metáfora do texto literario. Liña azul é unha obra metaliteraria provocadora, que interroga, que propón incorporarnos ao mundo da escritura, iso é percorrer as estacións da liña azul a velocidade de vertixe. Por último, expresei as melloras intencións para unha noveliña que deixa ao lectora pendurado da liña azul do texto literario. Excelente novela para un premio xa de referencia e para un autor novo que debuta na narrativa galega cunha obra importante.