Onte 675: «Costa da Morte», outro éxito de Zeitun Films
Costa da Morte (teaser 1) from lois patiño on Vimeo.
Soubemos onte que Costa da Morte, a primeira longametraxe (80 minutos) de Lois Patiño, foi seleccionada para participar na 66ª edición do Festival Internacional de Cine de Locarno na súa sección competitiva «Cineastas do Presente». Un documental non estreado no que o realizador vigués realiza unha esculca sobre as relacións entre o ser humano e unha natureza impoñente utilizando as súas relacións visuais e sonoras. A participación de Costa da Morte en Locarno é unha nova proeza da produtora Zeitun Films, tras o éxito de Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, Arraianos de Eloy Enciso e O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia, películas multipremiadas en diversos festivais internacionais nos útimos tres anos. Un éxito ao que non é alleo o rigor e o coñecemento dos produtores, Felipe Laxe e Martin Pawley, que acreditan na «fantasía do novo cinema galego», simulando o eufemismo que decote utilizamos para referirnos ao noso sistema literario. A pesar da redución das axudas públicas e do escaso peso da creación fílmica nos estándares da cultura galega actual, as arriscadas propostas de Zeitun Films van abrindo o seu vieiro. Un síntoma esperanzador de vitalidade. Os nosos parabéns aos produtores e aos equipos de creación.