Onte 1324: Proba de terceiro
As características da proba de avaliación para o alumnado de terceiro de primaria, prevista en Galicia para os días 27 e 28 de maio, marcarán a orientación da Reforma Educativa LOMCE promovida polo Partido Popular, centrada máis sobre os procesos de avaliación externa ca sobre os de construción de aprendizaxes significativas e avaliación continua. Acerta Nova Escola Galega cando salienta que esta de terceiro «é unha proba inncesaria para tomar as medidas de atención á diversidade», como tamén que «producirá un efecto de sinalización do alumnado que acade malos resultados, pola formalidade e publicidade que implican» estes exames. Xaora, supoñen «unha redución da autonomía dos centros » e «un control do currículo» que, inevitablemente, quedará orientado sobre aqueles contidos avaliados. Temo que esta proba de terceiro constitúe o inicio dun adestramento para facer das reválidas de 4º de ESO e de 2º de BAC, máis tamén da proba de final de primaria, algo «normal», que xustifica e lexitima a segregación do alumnado de Secundaria. Sen dúbida, este modelo de avaliación afástanos da escola inclusiva que pretendemos. Preocupante.