Onte 1720: «Sunset song»
Aproveitando un caloroso serán metémonos onte nos Norte para ver Sunset song, a adaptación de Terence Davies da novela de Lewis Grassic Gibbon (1932). Un drama de tintes nacionalistas no que se denuncia, dende o ámbito do privado, como as guerras (neste caso a do 14) destrúen as vidas e os soños, sendo a memoria do amor apenas o único que queda para os seus protagonistas. Davies constrúe un convicente cadro costumista da Escocia rural de comezos do século XX, con toda a súa beleza, aínda que non afonde máis no papel das mulleres sometidas á violencia dun durísimo patriarcado. A película (de intencionalidade poética) destaca pola coidada composición visual, sexa pola acaída colocación dos personaxes sobre a paisaxe, como polo diálogo xeitoso entre a luz e a banda sonora. Xaora, esta perfección formal non abonda para acender a faísca do entusiasmo do espectador nunha película sobre as paisaxes da desolación, onde a presenza constante da dor e a tristeza non deixan espazo para a esperanza.