As linguas suman
A iniciativa da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de enviar este tríptico ás familias é unha resposta docente moi axeitada á prexuizosa e falsa consulta ás familias do Goberno Feijóo. Neste momento, dende todas as instancias das que dispoñemos os defensores do idioma, é imprescindible colaborar coa estratexia desta Coordinadora e insistir cos seus membros en dúas ideas fulcrais: primeira «o galego é a lingua de todos»; a segunda: «se queremos que todos os cidadáns galegos sexan competentes nas dúas linguas ao remate da secundaria obrigatoria, é imprescindible que empreguen o galego como lingua vehicular de aprendizaxe». Outrosí sucede coa importancia de empregar argumentos pedagóxicos (estritamente técnicos, e non ideolóxicos) neste debate (obviados olimpicamente polos responsables da consulta) como a capacidade de transferencia que proporciona a aprendizaxe de varias linguas a idade temperá ou que nas comunidades con lingua propia (como a nosa ou a catalá) os alumnos e alumnas obteñen mellores resultados nos informes de Pisa que noutras comunidades na que empregan só o castelán. Non hai que despreciar, tampouco, os argumentos xurídicos (ao longo prazo serán os determinantes) sobre a invalidez formal da consulta e a súa falta de garantías de confidencialidade no procesamento de datos de carácter persoal.
Tamén é outra moi feliz iniciativa o comunicado conxunto, publicado hoxe, de sindicatos e colectivos educativos a prol do respecto do galego nas aulas.
“As organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:
1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.
2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.
3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego”.
CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística
A resposta cívica serena, ben urdida en argumentos coma os destas dúas iniciativas, é o único vieiro que debemos coller na defensa da lingua ameazada. As linguas suman.