Onte 1456: Catalás 27S. Os matices
Tras os resultados definitivos das eleccións catalás, chega o momento de estudar matices e establecer marxes de acción.
O primeiro matiz é o de determinar a porcentaxe real de votos das opcións independentistas, 47,74 % se sumamos Junts e CUP, pero que podería superar o 50 % se engadísemos apenas un terzo dos que poderían corresponder ao polo soberanista de CatSiqueesPot, o que non parece ningún disparate. Se ao 56,71 % que apoian o dereito a decidir engadimos o 12,74 % dos votos correspondentes ao PSC e o 2,5 % de Unió que propoñen formas dun estado federal, obtemos unha cifra esclarecedora. o 71,96 % do electorado que acudiu as urnas o domingo expresa unha clara vontade de que se modifique o actual estatus político de Catalunya.
O segundo matiz refírese ao realismo da CUP ao considerar a porcentaxe do 47,74 % insuficiente para formalizar unha declaración unilateral de independencia, a pesar de que expresa que foron máis os votos a prol da independencia que os votos que se poden considerar en contra, 39,17 %.
O terceiro matiz obriga ás forzas políticas soberanistas a fiar aínda máis fino. Máis alá do estudo das cifras dos apoios recibidos por elas e polas forzas unionistas debe valorar o nivel de cohesión do conxunto da sociedade catalá á hora de asumir esta polarización electoral que non está ainda decantada definitivamente. Non esquezamos que a cohesión cidadá é un requisito indispensable para facer recoñecible internacionalmente calquera proceso de creación dun novo estado.
O cuarto matiz anuncia que os resultados do domingo dificultan (ou impiden) a reelección de Artur Mas como president da Generalitat, abrindo no taboleiro posibilidades audaces como a que propuxo onte Pablo Iglesias dun goberno de forzas de esquerda, para o que sería indispensable que os electos de ERC rompesen con Convergencia, o que semella case política ficción. En todo caso, semella que a continuidade do proceso soberanista non está condicionado pola continuidade ou a marcha de Mas.
E quinto matiz, na confrontación entre os partidos de obediencia española, nas eleccións do domingo gañou con claridade o polo conservador de Ciutadans e PP sobre o dificilmente asociable como de esquerda de PSOE, Podemos e IU, o que constitue un precedente a ter en conta para as Xerais de decembro.