Onte 1017: Matute
O pasamento de Ana María Matute provócame saudade, a melancolía dóce da marcha dunha narradora moi admirada. Apenas tiven oportunidade de saudala unha vez e aprezar a fortaleza da aparente fraxilidade de quen confesou facer do seu oficio de escritora unha forma de salvación e de inconformismo co mundo, un xeito de promover mudanzas e novos horizontes. Foi unha nena da guerra asombrada polo horror, para quen a fantasía foi unha forma de protexer aos seus lectores e lectoras dos seus medos. Foi tamén unha pioneira, xunto a Carmiña Martín Gaite, nun mundo literario de homes, unha muller capaz de mover límites, superar dificultades e crear unha obra extensa e diversa que aventuro será máis valorada co paso do tempo. Sen esquecer a achega decisiva que fixo á creación da literatura infantil española, como autora de títulos alborais como El polizón de Ulises, premio Lazarillo 1965, ou El saltamontes verde (1961). Beizón, Matute.