Listado de la etiqueta: el_arte_de_rechazar_una_novela

«El arte de rechazar una novela»

Na visita a Salamanca pasei, inevitablemente, pola completísima sección de Humanidades da Librería Cervantes, onde atopei algunhas cousas que nunca vira nas miñas librarías viguesas. Chamou a miña atención unha novidade de fin de ano da renovada editorial Bruguera, El arte de rechazar una novela, libro do canadiano Camilien Roy que recolle noventa e nove cartas de devolución enviadas por outros tantos editores. Unha proposta narrativa que emula formalmente (a verdade con fortuna moi desigual) aqueles Exercicios de estilo de Raymond Queneau (traducidos formidablemente para o galego por Enrique Harguindey e Xosé Manuel Pazos). Non podo negar que neste caso o título do libro constituíu un bo gancho para min, afeito como estou a devolver case todas as semanas orixinais acompañados dunha tarxeta na que sempre escribo a man un texto de devolución moi breve. Tras unha lectura voraz do libro comprendín que son un editor sincero e emocionalmente bastante equilibrado, aínda que moi torpe e escasamente elegante cos autores inéditos xa que descoñezo as técnicas do cinismo axeitadas para dicirlles que non, pois diso trata esta parodia moi áceda, á que non lle sobran doses de ironía. Xa coñeciamos que para redactar unha carta para rexeitar unha novela existen fórmulas clásicas, como esta:

Recibimos o seu manuscrito e o noso comité de lectura valorouno con moito interese. Sentimos moito ter que anunciarlle que non foi seleccionado para a súa publicación. A obra que vostede nos propón non está exenta de calidade nin de interese, mais non corresponde ao que procuramos no marco da nosa política editorial. Desexámoslle éxito con outro editor máis apto para garantir ao seu traballo unha carreira digna das súas expectativas. Agradecémoslles a confianza que depositou na nosa editorial. Sen outro particular, saudámolo moi atentamente.

Mais existen outros modelos de cartas de devolución dos editores agresivas, concisas, directas, silenciosas, demoledoras, optimistas,modestas, pesimistas, sarcásticas… (ata 99, nunha reiteración que aburre mediado o libro). En fin, un libriño que pode facerlle graza a editores, autores e lectores aos que lles sobre tempo para dedicarse a «lecturas de pretempada» ou de baixa intensidade narrativa. Agardaba algo máis interesante tras un título con moito engado e unhas valoracións tan entusiastas.