Onte 1402: Día internacional da amizade
Aínda que no noso entorno tivo escasa presenza, celebrouse onte o Día Internacional da Amizade, creado en 2011 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa intención de que «a amizade entre os pobos, os países, as culturas e as persoas poida inspirar iniciativas de paz e oportunidades de tender pontes entre as comunidades». Unha efeméride que forma parte das accións que Nacións Unidas promove a prol da cultura de paz, acuñada en 1998 como «un conxunto de valores, actitudes e condutas que rexeitan a violencia e procuran previr os conflitos abordando as causas profundas que os provocan». Na actual coxuntura, onde o papel da ONU está cada vez máis devaluado, propostas como este Día da Amizade poden parecer outro exercicio de cinismo diplomático. Xaora, a promoción da cultura da paz e da non violencia nos sistemas educativos é imprescindible. Como tamén o é o recoñecemento da amizade como un sentimento esencial na vida dos seres humanos. Beizón para aquelas persoas que coidan da cultura solidaria da amizade!!!